Insuela é unha das aldeas de Loureiro de Cotobade, dende antigo terra de mulleres labregas e homes canteiros e emigrantes que, mentres elas coidaban dos fillos e da facenda, saían fóra na procura de traballo. Nunha destas familias naceu Antonio Fraguas o 28 de decembro de 1905, de nai labrega e pai canteiro e emigrante que, por problemas co crego, embarcou para Brasil antes de nacer o fillo. Un neno máis, coidado por dúas mulleres, a nai e "mamá Antonia", unha señora viúva que vivía na casa, á que quería tanto que de maior, con máis de noventa anos, aínda falaba dela coa ilusión de cando lle cantaba de meniño arrolos e cantigas.

A escola pública rexida por un mestre que non sabía ensinar; a de pago, que impartía o crego, quen o expulsa por falta de atención, e a particular que daba un mestre na aldea de Famelga. O terceiro, que tamén se chamaba Antonio, marcou o seu futuro ao convencer ao pai que en vez de emigrar era mellor que o fillo fixese unha carreiriña. Ese día de marzo de 1919 foi, sen dúbida, o máis importante na vida do noso autor: deixou de devezar ser maquinista de trens e converteuse en docente e investigador na súa terra.

Viñera varias veces a Pontevedra cos pais, sempre a pé e polo "camiño da vila" que saía de Insuela, á feira, á festa da Peregrina€ Pero o 14 de abril de 1919 o motivo era outro: para matricularse de ingreso no Instituto, cando xa ía para os catorce anos. "Antonio, o da aldea", como era coñecido entre os compañeiros, conclúe o bacharelato en xuño de 1924. Sempre subliñou a importancia da "Boa Vila" na súa vida onde, ademais de facer amigos para sempre, en especial Sebastián González García-Paz, empezou a relacionarse con algúns profesores que pouco despois serían compañeiros de angueiras culturais, como Losada Diéguez e Castelao. Tamén foi alí cando espertou o seu interese pola nosa cultura, para o que funda a "Sociedade da Lingua" con González García-Paz, co principal obxectivo de defender o galego e facer un dicionario.

Nos últimos días de setembro de 1924 viaxa por primeira vez en tren a Compostela, disposto a cursar Filosofía e Letras, que conclúe con excelentes cualificacións catro anos despois. Durante este tempo, ademais de estudar, incorpórase ás Irmandades da Fala e empeza a frecuentar o Seminario de Estudos Galegos, onde traba amizade con Otero Pedrayo, Risco, López Cuevillas, Xaquín Lorenzo, Bouza-Brey, Filgueira Valverde, Carballo Calero€, así como con varios dos profesores de Pontevedra.

No Seminario traballa arreo á vez que imparte clases como profesor auxiliar na súa Facultade, como faría anos despois nos instituto da Estrada e Lugo, no Instituto "P. Sarmiento" de Estudios Gallegos e, por último, no Museo do Pobo Galego. Participa con López Cuevillas na "xeira" ou traballo de campo da Terra de Deza, en 1927, obra que non se conclúe por mor da Guerra Civil, na da Terra do Saviñao onde estudan varias mámoas, e na da Terra de Melide, da que é froito o monumental libro de igual título. Asiste á IV xuntanza do Seminario de Estudos Galegos que se celebra en Pontevedra os primeiros días de abril de 1928, da que quedou como testemuño unha fotografía súa nas ruínas da igrexa de San Domingos na que forma parte do grupo de intelectuais da egrexia institución.

Antonio Fraguas xa non deixou Compostela (mesmo durante as estadías na Estrada e Lugo mantivo sempre casa aberta), nin tampouco nos máis duros anos da Guerra Civil que levou por diante a vida de moitos amigos, mandou ao exilio a outros e arramplou co labor do Seminario de Estudos Galegos que fixeran con tanto traballo e total altruísmo.

Faleceu o 5 de novembro de 1999 e os seus restos descansan no cemiterio compostelán a carón dos de Valle-Inclán e Díaz Pardo. A memoria de Don Antonio Fraguas Fraguas, como persoa afable e culta, aínda perdura hoxe en día na cidade que o nomeou "fillo adoptivo" o 23 de xuño de 1984.