16 de mayo de 2019
16.05.2019

CLUB FARO | Freixanes: "O Día das Letras foi o grande invento da cultura galega do século XX"

O presidente da RAG: "A vida de Fraguas é unha crónica do galeguismo"- Villanueva: "O de 'Antonio de aldea' era para el un título nobiliario"-Cajaraville: "Recolleu nun museo o que nos define"

16.05.2019 | 01:06

"O Día das Letras Galegas foi un dos grandes inventos da cultura galega do século XX e iso é unha conquista histórica da que sentirnos orgullosos, ", asegurou o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes, en relación á conmemoración instaurada polos académicos Francisco Fernández del Riego, Xesús Ferro Couselo e Manuel Gómez Román, que puxeron a andar unha iniciativa que mesturou a celebración e maila reivindicación. Para escoller a data, como é sabido, elixiron o día de publicación en Vigo do libro fundacional do Rexurdimento literario, "Cantares Gallegos" de Rosalía de Castro. A reflexión de Freixanes chegou no transcurso dunha mesa redonda no Club FARO para conmemorar a figura do docente nacido en Cotobade, Antonio Fraguas (1905-1999) e homenaxeado mañá. O presidente da RAG destacou da biografía de Fraguas que "é a crónica do galeguismo durante o século XX". Tamén, que foi quen de artellar un espazo institucional no que "reconstruír o patrimonio histórico do país", en relación a pulo fundacional que lle deu ao Museo do Pobo Galego.

Baixo o título "Antonio Fraguas, mestre da causa galega" a biógrafa e profesora Malores Villanueva e o profesor e escritor, Héctor Cajaraville foron fiando unha mesa redonda que pechou coa puntilla das reflexións do público. O tamén profesor e editor Manuel Bragado foi o primeiro en apreciar nexos: Malores Villanueva tamén naceu en Cotobade.

A biógrafa ofreceu un documentadísimo testemuño sobre a figura dun mestre e docente do que exaltou a posta en valor da cultura tradicional e da memoria galega. Mergullándose na primeira infancia do autor, Villanueva fixo fincapé no feito de que Fraguas nacera no seo dunha familia labrega e, trala emigración do seu pai a Brasil semanas antes do seu alumbramento -Antonio coñeceríao con 7 anos- quedou ao coidado de "dúas nais". "Creo que ese feito marcaría os seus intereses posteriores, porque ese neno críase nun matriarcado onde non lle faltaron nin zocas nin gabán e onde eran as mulleres as que cantaban, as que ensinaban... e as transmisoras da lingua e a cultural oral", resumiu. Malores Villanueva falou dun rapaz que aprendía nas veigas, que buscaba niños dos paxaros... pero que estaba chamado na emigración a ser "maquinista do tren", o que naquel tempo era similar a "conducir un vehículo de Fórmula 1". Finalmente, quedou a estudar o Bacharelato en Pontevedra trala intermediación dun mestre. E foi alí onde o alcumaron "Antonio de aldea". "Iso era para el un título nobiliario", indicou a estudosa, "lonxe de renunciar ás súas orixes, reafírmase nelas". Logo deu sinais das inquedanzas culturais dos da súa xeración, alumnos de Castelao, que crearon a "Sociedade da Lingua", unha asociación segreda na que -entre outras encomendas- se plantaban árbores ou facían un dicionario, lembrou a biógrafa. E logo dun periplo que comeza en Santiago e pasa polo instituto masculino da Estrada e logo dos seus primeiros contactos coa intelectualidade compostelana, o profesor Antonio Fraguas participa activamente na campaña a prol do Estatuto de Autonomía. O relato de Malores detívose na barbarie posterior. "Os falanxistas impuxéronlle dous anos de sanción, depurárono e quitáronlle o traballo; un feito que o mancou moitísimo", reflexionou. A partir dese momento,segundo a filóloga, o docente refuxiouse na escrita. "Foi notario da realidade, constantando que xa non se celebraban os Entroidos, que as vodas e os cantos de Reis eran distintos...", engadiu.No libro asinado por Malores ("Fraguas, mestre da memoria") e repleto de anécdotas singulares, refléxase incluso a empatía do profesor polo esforzo do alumno rural, nun caso ocorrido no hoxe instituto Rosalía de Castro de compostela.

A ollada de Cajaraville tamén se posou nese punto de inflexión na vida de Fraguas: o ano 1950 no que puido obter de novo a cátedra. Á súa estancia posterior en Lugo o autor chamoulle "anos de liberdade" e destacou a súa densa labor de investigación, posto que -dos 94 anos que viviu- ata 70 estivo investigando. "A súa curiosidade universal levouno a indagar sobre múltiples causas galegas, sen que iso o fixera desatender durante 50 anos o seu emprego e vocación como mestre". Pero para Cajaraville, a tarefa máis crucial de Antonio Fraguas chega logo da xubilación. "Recolleu todo o que nos define como pobo nun museo", destacou pola idea que se foi xestando desde 1975 xunto con outros intelectuais para poñer en marcha o que hoxe é o Museo do Pobo Galego. "Puido recoller en vida moitos recoñecementos e penso que tivo un valor especial para el o de Cronista oficial de Galicia", valorou.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
FaroEduca