O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou onte na apertura da mostra "Antonio Fraguas Fraguas. Letras Galegas 2019" no Museo do Pobo Galego, organizada por esta institución e a Fundación Antonio Fraguas. Durante a súa intervención, o conselleiro enxalzou o papel do historiador de Cotobade como "home das institucións e dos retos da vida pública".

A exposición repasa a biografía e a obra do homenaxeado no Día das Letras Galegas. Neste sentido, Román Rodríguez subliñou que se trata dunha exposición "rigorosa e feita co corazón" que repasa o "legado intelectual ético e humano" de Fraguas ao tempo que enxalza a lingua e cultura galegas.

A exposición consta de dúas seccións, unha de contido biográfico que presenta un itinerario ao longo da vida do intelectual de Cotobade, con especial atención á súa traxectoria como galeguista, e outra na que se abordan as diferentes vertentes nas que exerceu o seu traballo intelectual. Permanecerá aberta até o 28 de decembro, data do 114 aniversario do homenaxeado.

Por outra parte, a imaxe do erudito homenaxeado xa loce nas estacións e nos trens de Renfe polo convenio entre a compañía ferroviaria e Cultura. Os repousacabezas amosan a imaxe institucional do Día das Letras; e nos espazos de información, a obra do IES Álvaro Cunqueiro de Vigo que gañou o concurso das Letras convocado pola Xunta de Galicia.