"Natura", da escritora viguesa Iolanda Zúñiga, fíxose onte co premio ó mellor libro en galego de narrativa na Gala do Libro Galego que se celebrou en Compostela e se retransmitiu vía YouTube.

Zúñiga non puido asistir para recolle-lo galardón pero deixou unhas verbas que pronunciou o editor de Galaxia, onde publicou a obra, Francisco Castro. No texto, a creadora excusaba a súa ausencia por estar traballando ó tempo que recoñecía labrar con tinta "textos arriscados" e albergar a esperanza co libro gañador de "que algún día nos reformulemos como sociedade" en chave ambiental e feminista, entre outras.

O galardón para o mellor libro galego de poemas recaeu en Xesús Rábade por "Memoria do corpo"; mentres que o de teatro foi para a obra "Eroski Paraíso", de Chévere, compañía teatral que lembrou que o filme sobre esta peza se estreará no Festival de Cans a finais de mes, ó tempo que destacaba que presentaron a obra sobre as táboas de diferentes comunidades en versión orixinal, en galego, coa empatía do público.

Pola súa parte, Carmen Hermo levou o premio ó mellor libro ilustrado por "Man de Camelle". "Seis poemas galegos", de Federico García Lorca, publicado por Alvarellos gañou o galardón de mellor libro editado. Ademais, o mellor álbum de banda deseñada foi "O puño e a letra", de Yolanda Castaño; e o mellor libro de infantil, a "Os contos da avoa Pepa", de Francisco X. Fernández Naval.

Divulgación

No caso da mellor obra gañadora de divulgación concedeuse a "Castelao na arte europea", de Siro López; mentres que "Brétemas", de Manuel Bragado, conseguiu o premio ó proxecto literario na Rede.

En tradución, venceu "A señora Dalloway", de Virginia Woolf, traducido por Celia Recarey; e na modalidade de iniciativa bibliográfica, gañou a Biblioteca de Pedagoxía.

Outros libros gañadores foron o ensaio "Común temos a patria", de Emílio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González; a obra de literatura xuvenil "O bestiario científico de Anxos Nogueirosa" e a revista "Luzes", premio á traxectoria de xornalismo cultural. Finalmente, deuse o premio honorífico á viguesa María Xosé Queizán; o honorífico a Antonio Fernández Maira e o de escritora galega universal á lusa Maria Teresa Horta.