Irreverentes? Insumisos? Dios ke te crew pode levar os adxectivos que a cada un lle pete. O que si está claro é que eles foron os pioneiros do hip hop en galego. Nos últimos oito anos, optaron polo silencio da banda de Ordes para desenvolver proxectos persoais. Agora, retornan con "O ciclo da serpe", novo disco que presentan en directo na sala Capitol de Santiago este sábado día 11. O punto de partida do disco convida á filosofía: "Estamos inmersos nun loop infinito... O bucle só pode condenarnos ou salvarnos". Falamos con Sokram.

-Expresades esta frase a título persoal ou social?

-É un pouco as dúas cousas. A gráfica e o título do álbum presentan varias simboloxías que teñen varias lecturas. Hai símbolos concretos como a serpe en forma de uróboro, que aparece en varias culturas de diferentes partes do mundo entre elas, a celta. Simboliza o eterno retorno, o continuo devir, a natureza cíclica das cousas, o universo en expansión. Por outra parte, está o dodecaedro de pedra que é o quinto dos sólidos platónicos que simboliza o universo. Vemos un uróboro, unha serpe que é metade biolóxica, metade tecnolóxica. Se como sociedade estamos inmersos nese bucle, nese crecemento infinito co crecemento poboacional da humanidade e esa contaminación que xenera o desenvolvemento, se non hai cambio, se seguimos a este ritmo que se iniciou no século XX, vai acabar por extinguirse o planeta, vaise facer inhabitable ou destruírnos como especie.

-Que opinan dos resultados colleitados por Vox nos últimos comicios xerais?

-Vémolo surrealista. Parece incrible que, nestas alturas, co acceso á educación e información ocorra iso. Se colles o programa de Vox parece que o fixeron un día de chea, como se se puxeran a dicir unha barbaridade cada vez máis grande mentras un as apuntaba. Que iso cale nunha parte da sociedade e que lle cole á xente que os vote nas urnas é de coña pero tamén é grave que estea pasando porque é un retroceso de dereitos. Como collan poder, imos ir para atrás en moitos aspectos. Espero que non suceda porque a xente non é tan estúpida, aínda que conseguir un 10 por cento do electorado dos votos é demasiado.

-No disco, tamén falan das amenazas que sofre a liberdade de expresión, houbo algún momento á hora de compoñer ou gravar no que se limitaran?

-Non, en realidade, non. Pensamos que pasa nunha sociedade que está intentando meter xente na cadea por escribir cancións, por facer metáforas, hipérbatons, recursos estilísticos€ non por poñer bombas ou pola loita armada. Diso, somos conscientes e sobre iso falamos nas letras. Iso non significa que nos cortemos nas letras. Intentamos non facer autocensura. Pero si somos conscientes ó que nos arriscamos porque ó dicir o que dicimos nos arriscamos a unha denuncia, a unha multa ou á cadea. Tampouco creo que digamos cousas susceptibles de ir á cadea, ata que un xuíz diga o contrario. Si criticamos a lei vixente, o que se fai, que é outro retroceso na democracia.

-Por que a xente non se debe perder o concerto do sábado 11 na Capitol, en Compostela?

-Estamos preparando un show especial que non se vai repetir no resto dos sitios nos que toquemos e foi realizada ex profeso para este día. Vai haber audiovisuais. AL Crego que é o videodj que virá ó show proxectará vídeos. El fai giff art a partir de street art e animou a ilustración de Lidia Cao da portada do disco con realidade aumentada. Dende o móbil, ves como aumenta a ilustración.

-No disco, como non!, hai colaboración de Miguel de Lira...

-Miguel xa sae no resto de discos de DKTC e non podía faltar nisto para facer ese personaxe que é mítico, o cabo Ameneiro. Queriamos que saíra tamén e facer outro guiño en chave de humor.

-A retranca na vida é...

-A salsa da vida. Ten que habela.