"Rosalía de Castro foi inauguradora da modernidade nas letras galegas e da conciencia de xénero na historia e cultura de Galicia", defendeu onte no Club FARO a profesora honoraria da Universidade da Coruña, filóloga e exdeputada no Parlamento galego, Pilar García Negro, que se amosou como fervente estudosa da obra da escritora con maior proxección internacional das nosas letras. Feliz coincidencia -aseguraron- á que levou a mesa redonda a tamén profesora e biógrafa de Rosalía, María Xesús Lama, que obtivo o Premio Nacional de Ensaio de 2018 pola súa obra "Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade". E a xornalista e escritora María Xosé Porteiro, no vértice dese triángulo de expertas, actuou a xeito de moderadora. Os agradecementos á Asociación Cultural Pertenza como coorganizadora desa homenaxe rosaliana foron unánimes entre as poñentes, que falaron con paixón.

A primeira en expor as teses que avalan a figura dunha Rosalía rupturista foi García Negro. Para iso, quixo apoiar o discurso en "tres evidencias incontestables". "Polo seu uso da lingua galega e a súa intervención como muller moito máis alá do permitido e o previsto nese tempo", avalou a filóloga. "A irrupción de Rosalía de Castro (1837-1885) como escritora en galego e como defensora máxima da patria galega e do pobo galego foi simultánea a ruptura con respecto do papel previsto para as mulleres e ata para as escritoras", profundou. "De tal modo que ela, sen complexos, vaise internar nun repertorio temático que vai romper os 'xustillos' impostos ao seu xénero e vai construír unha literatura nacional", destacou. García Negro fixo alusión en varias ocasións as temáticas filosóficas e trascendentes presentes na obra da figura cume do Rexurdimento.

Outras citas como a crítica"Castellanos de Castilla", a expresión "as viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos" e o propio e célebre poema "Adiós Ríos, adiós fontes", indicaron, adiantan a temática da emigración.

"Outra novidade fundamental é asociar o feminismo individual á causa da maioría social feminina, trasladala á inmensa maioría da sociedade galega, ás mulleres traballadoras do seu pobo" engadiu a experta. "É a única escritora europea do seu tempo que o faga", zanxou García Negro. Facer da muller galega un suxeito social e activo é outro dos aspectos revolucionarios de Rosalía, segundo a profesora. A iso engadiría logo María Xesús Lama a súa épica subversiva contra "os cantos de serea do amor romántico".

O percorrido polos títulos da obra de Rosalía tamén foi parello as cidades da súa publicación e aí destacou Juan Compañel en Vigo. Un artículo titulado "Lieder" e publicado en "El Álbum del Miño" (1860) no que a escritora proclama liberdade foi un dos textos nos que repararon ambas expertas. "Libre es mi corazón, libre mi alma, y libre mi pensamiento que se alza hasta el cielo [...] mi corazón es bueno, pero no acato los mandatos de mis iguales y creo que su hechura es igual a mi hechura, y que su carne es igual a mi carne. Yo soy libre. Nada puede contener la marcha de mis pensamientos, y ellos son la ley que rige mi destino", destacaba una jovencísima autora. "Non deu puntada sen fío", avogou García Negro. Tras un repaso polo corpus literario da autora de "Cantares gallegos", Pilar García reparou noutro importante detalle: "tivo que combater a misoxinia e tamén a xenofobia contra o galego que imperaba". Nese sentido, as expertas citaron o escrito rosaliano de "A gaita galega" que supostamente naceu como reacción a un título homónimo cuio texto maltrataba Galicia. "Logrou asociar estética cultivada, a alta cultura e romper os prexuízos sobre o galego e a represión acumulada historicamente, que o tiña excluído de calquera uso público.

María Xesús Lama recoñeceu na autora unha das primeiras escritoras profesionais galegas. Seguindo a onda do apuntado pola precedente, que asegurou "as cinco novelas de Rosalía están escritas en castelán por unha poderosa razón editorial", foi máis alá. "A súa familia fidalga foi xente que tivo boas relacións co novo réxime, aínda que estaban perdendo rendas. Iso supón que Rosalía tamén escribira para labrarse un futuro profesional", afondou Lama. Lembrou que "Rosalía se foi a Madrid para publicar o seu primeiro libro".

A biográfa botou man de Follas novas (1880), para citar un texto no que ironiza sobre os clixés da 'lírica feminina' e co que pechou a súa intervención: "Daquelas que cantan as pombas i as frores/ todos din que teñen alma de muller./Pois eu que n'as canto, Virxe da Paloma,/ ¡ai!, ¿de qué a teréi?".