A relación do pianista James Rhodes con Galicia vai camiño de converterse nun idilio de película. As súas mostras de abraio e admiración pola nosa terra fan que o artista londinense xa sexa considerado un galego máis, mención que gañou a pulso cos seus chíos, moitos deles en galego, nos que incluso declara o seu amor polo fogar de Breogán: "Viva Galicia". Tamén, como non, pola nosa comida.

A súa historia co idioma galego vén de hai case un ano. O 6 de xullo de 2018, meteu media Galicia no peto ao redactar en Twitter un breve texto na nosa lingua: "Este é o meu primeiro tuit en galego. Espero que non sexa un desastre. Encántame estar aquí e quería dicilo. Especialmente a comida. Que teñades un fermoso día". Nunha conversa xerada por medio desta publicación, engadía: "Soy un invitado aquí en Galicia y quiero honrar eso. El gallego es también un lenguaje tan hermoso. Hay tanto que quiero aprender aquí".

Desta vez, o que chamou a atención a James Rhodes foi a variedade de termos que ten o galego para referirse á chuvia, un tema do que xa falara en redes sociais a comezos deste ano: "Nefelibata, ataraxia, acendrado, desenlace... Este hermoso, abrumador, mágico lenguaje. Y el gallego contempla más de 70 vocablos para la lluvia. Amor puro". A súa vez, e contestando a FARO, aseguraba: "Un día todo o mundo vai saber e adorar a beleza da túa lingua (e os teus alimentos)".

Agora, o artista aumenta a súa sorpresa ao coñecer que o galego ten aínda máis vocablos para designar a este fenómeno tan característico da nosa terra: "Acabo de descubrir seis de las 70 (!) palabras que tienen para la lluvia en Galicia y me estoy muriendo de amor: Froallo Babuña Battuere Torbon Patiñeira Sarabiada. En Inglaterra es solo 'rain'. Incluso o seu maldito diccionario é unha obra de arte. Realmente creo que os británicos estarían un pouco máis felices se tivésemos tantas palabras fermosas para a choiva".

Con todo, a súa conexión con Galicia vai máis aló. O músico británico mantén unha forte amizade co actor compostelán Tamar Novas. Tamén en Twitter, quixo compartir cos seus seguidores unha cea que disfrutou con el nun restaurante galego de Madrid e, como non, aproveitou para facer uso da súa nova lingua: "Cearé esta noite no mellor restaurante galego de Madrid. Co meu galego favorito tamén! Apaixonante".