"E as horas a sotavento/ van desviándose de nós/ A alba intrusa/ bateu as catro horas/ Era o sino de proa/ que tornaba do mar/ a voz desarbolada/ o velamio frustrado". Un total de 91 anos transcorreron dende que estes versos saíron do prelo baixo o nome de "De catro a catro", asinado por un mozo que un día de 1921 berrou con tinta en Vigo "Teño xurado, polo que máis quero, ser dos bos e xenerosos". Ese home era Manuel Antonio, unha voz que pasaría á historia de Galicia pola súa defensa e compromiso total co idioma e co país; e, por riba de todo, pola súa obra lírica que foi 'máis alá' ó convertirse "De catro a catro" na vangarda poética galega. Para festexa-lo aniversario do devandito libro, o Centro Integrado de Formación Profesional Manuel Antonio de Vigo acolleu unha homenaxe total á que se sumaron personalidades como o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; ou o alcalde de Rianxo, José Manuel Pinal, entre outras.

A singradura desta iniciouse coa intervención do académico da RAG Xosé Luis Axeitos -gran estudoso da vida e obra de Manuel Antonio- que foi presentado polo profesor do centro Julio Alonso e que falou das circunstancias nas que Ánxel Casal editou o libriño en 1928 así como o valor para coleccionistas que ten hoxe en día o orixinal. Hai que lembrar que a editorial Nós de Casal editou 250 exemplares (dunhas 40 páxinas) e que o autor renunciou a calquera remuneración económica derivada da venda dos libros. "Durante a Guerra Civil, houbo xente que se desfixo dese libro, convertíndose nun ben escaso. Polo último que apareceu, pagáronse 600 euros", lembrou onte Axeitos no CIFP Manuel Antonio.

Outro dato que achegou sobre o poeta -a petición do profesor Julio Alonso, do centro educativo vigués- foi unha "anécdota" de cando estaba a estudar Náutica na cidade olívica. Daquela, xa formaba parte das Irmandades da Fala. Este movemento conseguira en A Coruña que, polo día de Santiago, o día da Galiza, se izara a bandera galega no Concello. As Irmandades aspiraban a consegui-lo mesmo en Vigo. "A petición votouse no concello vigués. A el, a Manuel Antonio, doeulle o voto en contra de dous nacionalistas na corporación viguesa", lembrou Axeitos. Nembargantes, non cesaron na petición e, finalmente, foi aceptada. As Irmandades foron compra-lo pano e (na documentación de Manuel Antonio) figura a factura do almacén, xa que a confección da bandeira foi gratuita porque, segundo consta, as traballadoras quixeron colaborar patrioticamente coa elaboración.

Ademais da mesa redonda -á que, finalmente, faltou Méndez Ferrín por un problema familiar-, a homenaxe de onte en Vigo acolleu tamén a inauguración de dúas exposicións fotográficas. Por unha banda, "Galegas e galegos de hoxe", na que se recollen imaxes de personalidades diversas do país como a campeona mundial de triatlón Susana Rodríguez; ou a chef Lucía Freitas. A segunda exposición conformárona obxectos persoais de Manuel Antonio ou da súa época así como edicións facsímiles de manuscritos cedidos temporalmente pola Fundación Barrié ou a Casa Museo Manuel Antonio de Rianxo.

O acto, que contou coas palabras do director do instituto, Rubén Otero, e coa actuación do sexteto Ruada de Torroso, presentou tamén o libro "Manuel Antonio e máis nós", obra colectiva de diversos autores, editada por Hércules de Ediciones.e que presenta na capa unha ilustración de Antón Pulido.

Por último, a homenaxe rematou coa presentación do cóctel homónimo creado para a ocasión polo barman do Casino da Toxa José Soto Soengas. A bebida está elaborada con augardente de Galicia infusionado con bergamota, mel galega, zume de lima, cervexa de xenxibre e dash de vinagre de frambosa.