O día de onte será dificilmente esquecible para os cinéfilos galegos. O Festival de Cannes anunciaba que proxectará o vindeiro mes en competición un filme galego e en galego. Thiérry Frémaux, delegado xeral do Festival de Cannes e director do Instituto Lumière de Lyon, comparecía ante os medios para dar conta das películas elixidas para a sección oficial e para 'Un certain Regard' (a segunda en importancia) do evento galo. E na devandita presentación, sonaba o nome de Óliver Laxe ó que calificou de "formidable mozo cineasta" pertencente "a unha nova xeración do cinema español".

Del, engadiu que presentaba a obra "O que arde" que chegará ós cinemas a final de ano. "Estou contento de que sexa en galego. Por fin, unha peli na que se fala en galego en Cannes. É un orgullo, a verdade. É un traballo máis maduro, é un conto rural, galego, no que se evoca o desleixo a través dunha nai e dun fillo que coidan un doutro, como se queren, como resisten os dous nunha aldea perdida dos Ancares, que é de onde son orixinarios" coa sombra acesa dos lumes como fondo, apuntab Óliver Laxe onte vía teléfono, unha creaodr nado en París, fillo de emigrantes galegos que, precisamente, saíron dos Ancares, dunha casa de pedra.

A rolda de prensa de Frémaux tivo outro cariño para a cultura de noso ó recalcar que Laxe era "galego" para esclarecer que - se así o resaltaba- era "para compracer" a Pedro Almodóvar e a Chema Prado. O primeiro tamén compite en Cannes este ano pero na sección oficial co seu asalto medio autobiográfico "Dolor y gloria". O segundo, de Rábade (Lugo), é cabaleiro das Artes e das Letras de Francia e exdirector da Filmoteca Española onde permaneceu 27 anos no seu cargo ata a súa retirada.

Pola tarde, Laxe, ó fío do Whastsapp, que comezou a empregar a finais de 2017, opinaba como resposta a FARO que "é curioso que (Frémaux) subliñara que eu era galego. Foi bonito. Tamén foi bonito que dixese que son un cineasta fabuloso. Foi un piropo contundente".

Laxe realizaba as declaracións dende París onde se atopa realizando os últimos traballos sobre a cinta , "O que arde", que levará o título inglés de "A sun that never sets" (O son que nunca se pon) e en francés de "Viendra le feu" (Virá o lume).

O autor galego convértese no segundo español, despois de Víctor Erice ("El sur", "El sol de membrillo", "El espíritu de la colmena"), en presenta-los seus tres primeiros filmes en Cannes. No caso de Óliver laxe, este gañou o Gran Premio da Semana da Crítica con "Mimosas"; e o Fipresci da crítica internacional co seu debut "Todos vós sodes capitáns".

"Grandes nomes"

"Estou moi contento porque é unha sección de Cannes de moi difícil acceso. Xa estamos rodeados de grandes nomes (o outro español será Albert Serra con "Liberté") e a verdade é que intimida pero sentímonos moi seguros do traballo. Temos a seguridade de que vai gustar. Ir xa o sentimos como un premio", engadiu. Laxe foi máis aló e sinalou que "temos que estar todos moi orgullosos porque, unha vez máis, demóstrase que as pelis con máis orzamento non son as que chegan máis lonxe. As cousas, cando se fan con traballo e sacrificio, sempre teñen un resultado".

Non obstante, acudir por terceira vez a esta meca europea do cinema dá callo e así o recoñece: "En comparación coas outras dúas ocasións nas que fora escollido, a euforia non é a mesma, non fai a mesma ilusión".

Aparentemente, Óliver Laxe segue sendo, en parte, o mesmo Óliver de "Mimosas" que describía o guionista Santiago Fillol no caderno de rodaxe "A debilidade de crer" -sobre aquela avenura tola que polo Atlas coa espiritualidade como fí- obsesionado, ante todo e sobre todo, pola obra. "Seguimos crecendo, sendo máis precisos á hora de traballar, buscando de que maneira queremos emocionar, de que maneira nos queremos comunicar co espectador, de que maneira queremos servir, porque este traballo é un servizo", comentaba onte o autor galego.

"O que arde" adentrará ó espectador na realidade rural e íntima de dous sobrevivintes galegos nas montañas pero tamén poñerá o ollo sobre a ameaza dos incendios. Non obstante, Laxe advirte de que "era moi complicado facer unha película sobre incendios sen facer un panfleto, sen caer nunha culpabilización estreita e superficial, nunha dialéctica de culpable e de vítimas. Houbo que desapegarse e ir ó fondo das cousas. A vida é moi fráxil e asumir esa complexidade no cinema é moi difícil".

O cineasta engade que "non me gusta que digan que só é unha película sobre os incendios. Os lumes están de fondo pero o máis imporante é o retrato heroico destes personaxes tan belos: Amador e Benedicta que resisten na montaña lucense cos seus valores, a súa ética, coas súas vacas, a súa cadela vella. Hai unha harmonía que eles defenden. Neste mundo tan esquizofrénico, que vai tan rápido, eles están asumindo cal é o seu mundo e cal non". Para empaparnos desta poética, se non temos billete para Cannes, agardaremos a de ano a súa chegada ós cinemas da man de Numax.