O programa da Galega 'Luar' ofreceralles esta noite ós seus espectadores unha selección de actuacións. Desta ocasión, pasará polo escenario o cantautor Amancio Prada, natural do Bierzo e unha das voces máis recoñecibles na nosa lingua, destacando por riba de todo as súas adaptacións musicalizadas dos poemas de Rosalía. Prada, que tamén cultivou outros xéneros como o cántico espiritual, amosará o seu torrente de voz con dous dos seus temas máis emblemáticos: 'Compañerita' e 'Nasín cando as prantas nasen'.

O programa presentado por Xosé Ramón Gayoso e Patricia Fernández Santana tamén contará coa presenza de Marietta, que comezou a súa carreira na compaña da célebre Ana Kiro. De feito, dedicoulle un disco a modo de homenaxe que leva por nome 'Un sorriso que canta' e que presentou o ano pasado. Hoxe interpretará temas moito máis festeiros como 'Que digan misa' e 'Viva a festa'.

Polo escenario do 'Luar' tamén pasará a orquestra Passarela e haberá tempo para a música tradicional coa Banda de Gaitas Agarimo de Catabois e o grupo Pandereteiras do Tremuzo', que interpretarán 'Muiñeira de Lagares' e 'Maneo e xota de San Román', respectivamente. Tamén actuarán este venres Cristina Eiró, Montse Gómez e Cesáreo Torres.