Un total de 110 anos tiveron que transcorrer para que, finalmente, a obra "En las orillas del Sar" de Rosalía de Castro axuste contas. O seu salvador vén sendo o presidente da Fundación Rosalía de Castro, poeta e estudoso Anxo Angueira quen onte presentou en Padrón unha nova reedición do libro. O experto rosaliano ten claro que "o proxecto literario de Rosalía non foi entendido no seu momento nin despois".

É máis, foi visto como "unha traizón ou unha dimisión" polo uso do castelán. Con esta reedición, sinala que pretendeu "corrixir unha peripecia editorial moi desafortunada (a cargo de Murguía no 1909)". Só deste xeito, axústanse contas cunha obra que foi recibida con "hostilidade e incomprensión" no campo literario español, segundo denunciara o propio Azorín.

As causas? Angueira apunta que "silenciaron a obra polo perfil galeguista da autora". Deste xeito, "condeouse" a Rosalía a ser considerada "unha romántica rezagada".

Para Angueira, "Rosalía non dimitiu en absoluto. Todo o contrario. Esta súa obra en castelán está inscrita totalmente na lóxica poética da autora que continúa a de 'Cantares gallegos' e 'Follas novas' e na lóxica nacionalista do campo literario galego, en construción naquel tempo". Angueira foi arroupado onte na presentación polos académicos Méndez Ferrín e Xosé Luis Axeitos; o escritor Manuel Lorenzo Baleiron, e o alcalde de Padrón Antonio Fernández.