As televisións públicas rexionais europeas asociadas en Circom acaban de concederlle a unha profesional da CRTVG o prestixioso Premio Prix Circom ao Novo Talento en Pantalla (Young Talent on Screen). A galardoada é a xornalista vimiancesa Alba Mancebo, de 26 anos de idade.

Mancebo desenvolveu distintas tarefas nos espazos informativos, tanto para achegarlle á audiencia informacións de actualidade como intervir en apartados máis desenfadados do magazine 'A Revista' e mesmo nas redes sociais da Corporación, onde promove o uso da lingua galega cada semana cunha divertida sección denominada #instaGal.

Por outra parte, Carmen Navarro Fernández-Balbuena protagoniza hoxe ás 00.10 horas na TVG "Os nosos sabios". Silvia Jato presentará a Navarro que foi, durante máis de 20 anos, xefa do Servizo de Anatomía Patolóxica do CHUVI.