A TVG emite hoxe, a partir das 15.30 horas, unha nova entrega do programa "Ribeiras de salitre". Nesta ocasión, o capítulo leva como título "Ares, ventos dun mar íntimo".

X. H. Rivadulla aproveitará o seu paseo pola vila para amosar historias de mulleres e homes do mar. Un deles é Juan Carlos Rey, un home que se gaña a vida largando as nasas para pescar. No programa, unha avaría na embarcación serve para que falen das adversidades nos días de pesca.

Outra voz será a de Paco Cartele, peixeiro. O equipo de programa decide acompañalo para vende-lo produto a domicilio pero tamén na praza de abastos da vila.

"Ribeiras" tamén fala con Carmen Penedo quen traballou sempre en oficios relacionados co mar. Preparará ante a cámara xurelos en escabeche.