Pilar Rodríguez Seoane era unha mozoula cando no ano 1968 Compostela ardía nas facultades. Algunha asignatura suspensa en xuño non lle impediu que, finalmente, conseguira o seu soño: aprobar todo e sacar adiante a carreira de Química na Universidade de Santiago. Cando se lle pregunta a esta filla de mestre por aqueles tempos, dálle a risa e unha imaxina aquela xeración e a tolemia de tempos que lles tocou vivir. Aquela rapaza escribiría décadas despois unha páxina destacada na ciencia galega: xunto con outras persoas, sacou do prelo a primeira táboa periódica en galego no ano 1998.

Exactamente, 21 anos despois, a Dirección Xeral de Política Lingüística, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega presentaron no mes de marzo deste ano "o fito" (palabras textuais da rolda de prensa e da nota de prensa) da táboa periódica en galego sen cita-la acción pioneira de Rodríguez Seoane o que levou a moita xente a pensar que era a primeira vez que a táboa cos elementos químicos de Mendeléiev se traducía ó galego.

Algúns achegados a Seoane, de 73 anos de idade, din que ese silencio proeulle na alma; que, mesmo, chorou impotente ó sentirse "ninguneada". Onte, Pilar procuraba amansa-las brasas, tranquila trala chamada do presidente da Academia Galega, Víctor Freixanes, desculpándose.

"A primeira vez que lin a noticia na prensa (a presentación este ano da táboa periódica en galego a cargo do Consello, RAG e Xunta), explica esta muller agora xubilada e que deu clases moitos anos na Facultade de Química da Universidade de Vigo, pensei que, dalgunha maneira, era un erro dos medios. Pensei que algo pasara, que non se enteraran do que fixeramos anos atrás", explica dende o seu fogar en Vigo recén operada de cataratas.

"Os nosos traballos -prosegue- para a primeira versión da táboa en galego comezaron no 1997 pero ata 1998 non saíu á luz en colaboración coa Universidade de Vigo e coa editorial Obradoiro-Santillana. Nesa época, empezaban as ensinanzas de física e química en galego no Bacharelato e na universidade tamén necesitabamos ese material para os nosos alumnos. Carmen Vázquez -xa finada- chamoume para animarme a busca-los datos (propiedades físicas, configuracións electrónicas...) e traduci-la táboa ó galego. O noso asesor lingüístico foi Antón Palacios Sánchez -tamén profesor da universidade viguesa e tamén xubilado-, e o resultado apareceu nos libros de texto do Bacharelato. Tamén a publicaron en 'Anales de Química', revista da Real Sociedad Española de Química", no 1999.

Tralo 1998, a táboa seguiuse actualizando a cargo da Universidade de Vigo e as últimas reedicións corresponden ás actualizacións dos anos 2008 e 2013.

Este ano, con motivo do 150 aniversario da publicación de Dimitri Mendeléiev (a táboa orixinal) a Facultade de Química en Vigo colocou unha lona na fachada coa táboa pioneira. Esta química retirada agradece mostras de cariño como esta, como tamén dá grazas a Freixanes por chamala: "Díxome que descoñecía que houbera unha primeira táboa en galego. Eu agradecinlle que recoñecera que non estaba enterado. Eu non sei por que os autores da nova táboa non recompilaron bibliografía -paso primeiro de calquera investigación científica- pero é o que hai".

Dende a RAG, "aplauden" o traballo de Pilar ó tempo que inisten en "reivindicar que se levante o veto (por lei, da Xunta) ó ensino da química, física, matemáticas e tecnoloxía [na ESO] na nosa lingua. O galego é unha lingua válida para trasmitir calquera coñecemento".