Por que Eduardo Blanco Amor non chegou a ingresar na Real Academia Galega (RAG) a pesar de seren unha das figuras máis senlleiras das Letras Galegas? O escritor e historiador Xosé Ramón Pena deu varias pistas no CLUB FARO onde deu conta do seu último libro "Historia da Literatura Galega IV. De 1936 a 1975. A longa noite" (Xerais). Presentado por Xosé Luís Méndez Ferrín, Pena explicou que o pensamento de Ramón Piñeiro e mailo do Grupo Galaxia a mediados do pasado século promoveron unha "evidente postergación das vangardas e dos autores vangardistas desta época co caso singular de Manuel Antonio, así como dos autores que nos anos 30 adoptaran unha arte ou literatura comprometida socialmente. (...) Había desconfianza do que Piñeiro chamaba literatura doutrinal".

Pola contra, engadiu Pena, o piñeirismo e os seus acólitos naquel tempo procederon á "canonización de autores que antes de 1936 participaron nos labores do Seminario dos Estudos Galegos ou tiveran un papel determinante na revista Nós" xa que Ramón Piñeiro consideraba ó Grupo Nós o mellor herdeiro da mellor tradición literaria galega do século XIX.

"Asistimos á proxección dunha literatura con tres grandes elementos definidores", engadiu onte no CLUB FARO ante un atento auditorio. O primeiro elemento sería que a literatura que arelaban o tándem Piñeiro-Galaxia debía "traballar nos eidos da imaxinación e do humorismo, que pasan a ser consideradas as verdadeiras esencias da galeguidade e distintivos da alma do home galego", agregou o conferenciante.

O segundo chanzo sería lograr unha literatura que signifique unha "recuperación da materia folclórica cunha dignificación da mesma xa que se interpretaba que sería o noso mellor labor a exportar. Sería unha especie de Marca Galicia exterior", engadiu. Outro elemento que querían para a literatura galega era que propiciase "o enlace entre o elemento galego e europeo, unha verdadeira posta ó día do pensamento de Vicente Risco e das mocidades galeguistas", explicou Moncho Pena. De aí, segundo o seu punto de vista, a recuperación para as letras galegas do propio Álvaro Cunqueiro que deu vida ó deseño artellado por Piñeiro con "Merlín e familia" ou "Crónicas do Sochantre" ademais doutros dous autores: Fernández del Riego e Carvalho Calero.

A tese de Ramón Pena é que ademais, "asistimos a un proceso de acomodación daqueles episodios conflitivos. De aí, a postergación da Rosalía combativa e feminista, do Curros librepensador e activista, o esquecemento consciente do legado político de Castelao" reducido a grande artista e guía espiritual por enriba do ben e do mal "alleo" ás coitas humanas.

Estas directrices do matrimonio Piñeiro-Galaxia, non obstante, terían os seus contestatarios. Xosé Ramón Pena nomeou neste bando a Xosé Neira Vilas co bestseller "Memorias dun neno labrego" cuxo protagonista era un neno do agro, pobre, que conectou con milleiros de galegos que se vían identificados con Balbino ou que coñecían a alguén semellante a el.

A segunda figura senlleira das Letras Galegas que, naquela altura, se apartou literariamente das recomendacións piñeiristas e conseguiu o éxito foi Celso Emilio Ferreiro, o heroe literario da antipoesía, coa súa poesía social que prendeu entre a mocidade contestataria dos anos 60. "Celso Emilio é un os nosos autores máis grandes", resaltou Xosé Ramón Pena.

Como terceiro autor destacado, nomeu a Eduardo Blanco Amor (quen firmou no 1950 "A esmorga"). Pena apuntou que a consideraba "unha das mellores senón a mellor novela galega".

Ademais, quixo mostrarse respetuoso coa historia da literatura galega publicada polo seu profesor Carvalho Calero. "Non rebato polas boas o que di o mestre pero as cousas son como son", sinalou. Nesa obra, Carvalho fora "moi duro" coa obra de Blanco Amor, cousa coa que discrepara fortemente Pena.

O escritor vigués resaltou a Xohana Torres e outros autores que "puxeron luces, inda que discrepantes (...). Foron luces ás que temos que estar sempre agradecidos" por facer posible "un segundo rexurdimento".

Por iso, Ferrín -tras remata-la conferencia- aproveitou para agradecer a Pena que puxera a Blanco Amor no sitio que merece, no podio das Letras Galegas, a pesar de que durante anos o autor ourensán non vía máis que atrancos á súa obra no seu país. Ferrín destacou que tanto Amor como Ferreiro están no lugar que merecen, "no lugar dos grandes".