Profesionais do mundo do libro, a docencia, a escrita, familias e, moi especialmente, nenos, renderon onte en Pontevedra unha homenaxe ao escritor Antonio García Teijeiro.

No Día Internacional do Libro Infantil, o Salón do Libro fixo un recoñecemento a máis de 30 anos de loita a prol da lectura infantil, 30 anos levando narracións e poemas aos menos "para que non pasen os que pasamos outros, que vivimos a nosa nenez de costas á literatura", dixo García Teijeiro, que afirmou na inauguración do XX Salón do Libro que poesía é revolución "porque é capaz de cambiar comportamentos, porque realmente verse a un mesmo supón superar moitos atrancos e a través da poesía pódese conseguir".

Para os nenos, o Premio Nacional de Literatura Infantil 2017 defendeu "un tipo de poesía en principio lúdica tamén pero que lles regale imaxes, que a beleza forme parte da súa vida".

"Hai xente que aínda presume de non ler, sí, pero a min a lectura paréceme fundamental porque nos enriquece como persoas", dixo García Teijeiro.