Inda que nacido en Forcarei, Chano Piñeiro "tivo unha relación apaixoada con Vigo" -detallou onte Manuel Bragado- dende que se asentou na cidade para abrir unha botica na rúa Torrecedeira, a mesma á que se dirixiu Uxía Blanco un día para defender que ela era Xonxa.

Precisamente, Blanco aproveitou para brindarlle unha "homenaxe a Mariluz", a dona de Piñeiro, que onte seguiu o coloquio de CLUB FARO na primeira fileira do auditorio.

As homenaxes non cesaron aí porque Bragado tamén dirixiu unhas palabras de gabanza para Blanco xa que ela e Pilar Sueiro foron "pioneiras" no cinema por seren directoras de curtasmetraxes galegas "Tanto Uxía como Chano merecen o recoñecemento", defendeu.

Bragado tamén resaltou a valía de Chano Piñeiro como literato atendendo á súa prosa en obras como, por exemplo, os artigos que publicaba en FARO DE VIGO -sendo director Ceferino de Blas- na sección "Conversas co vento" que foron publicadas nos anos 90 nun libro homónimo que calificou de "esencia na traxectoria de Chano" que calificou de "contador natural extraordinario".

Da súa literatura, destacou a "enerxía do humor" que transmitía, "a invención de novos mundos"; tenrura e afectos moi vencellado todo ós contadores na lareira da "Galicia milenaria".

"Era unha forma de estar no mundo que quizais ten a súa orixe na nenez" cando pasou os seus primeiros anos na botica de seu pai en Forcarei, "como tamén lle sucedeu a Álvaro Cunqueiro, a figura da literatura galega coa que compartía máis afinidades". Se cadra, por iso desenvolveron ámbolos dous unha "capacidade xenial para dispensar ficcións".