30 de marzo de 2019
30.03.2019

CLUB FARO | Bragado: "O cinema pioneiro de Chano e a súa literatura deben ser postos en valor"

"A Real Academia Galega -defendeu- non debería desaproveitar dedicarlle o Día das Letras Galegas" ó cineasta - Abel Caballero destacou que sería un "acto de xustiza"

30.03.2019 | 01:56

"A obra cinematográfica pioneira de Chano Piñeiro e a súa obra literaria hoxe descoñecida merecen ser postas en valor. Sería unha oportunidade que a RAG non debería desaproveitar dedicarlle o Día das Letras Galegas a Chano Piñeiro no 17 de maio de 2020 coincidindo co 25 aniversario do seu pasamento". Así o defendeu onte Manuel Bragado, escritor e pedagogo. Fíxoo no Club FARO onde engadiu que "probablemente, o Día das Letras Galegas volvería a escintilar nos ollos das novas xeracións que hoxe desenvolven a fantasía dun cinema e dunha literatura galegas que se proxectan no mundo. (Esa) Foi a teima que procurou un cazador de nubes caladiño chamado Chano Piñeiro".

A intervención de Bragado na táboa redonda "Recordando a Chano Piñeiro" así como as do alcalde vigués, Abel Caballero; Francisco Rozados (biógrafo), Carmen Grandal (farmacéutica) e Uxía Blanco (actriz e concelleira en Vigo) foi unha homenaxe "ó boticario de Torrecedeira" ou "cazador de nubes" como tamén se coñece a Piñeiro, un home que naceu en Forcarei (Pontevedra) pero que fixo de Vigo o seu campo vital.

Pola súa parte, o rexidor olívico xustificou a súa presenza no coloquio para "avala-la petición de que o Día das Letras Galegas" lle sexa adicado ó autor de pezas como Sempre Xonxa ou Mamasunción. "Sería un acto de xustiza" por ser un "pioneiro" capaz de "facer cinema en galego e en Galicia", engadiu.

Sempre Xonxa -o primeiro "gran éxito do cinema galego", lembrou Bragado- foi unha histórica longametraxe en galego e rodada en Galicia. Esta historia de tres amigos marcados na súa vida pola vida na aldea, o desarraigo da emigración, a violencia contra a muller e o amor dende diferentes puntos de vista foi estreada en Vigo o 25 de novembro de 1989 xunto a outros dous filmes de realizadores galegos: Urxa (de Carlos Piñeiro) e Continental (Xavier Villaverde).

Sempre Xonxa acumulou máis de 100.000 espectadores chegando a proxectarse en Cannes, A Habana e outras cidades. Ademais, converteuse nun referente do cinema en galego.

No coloquio de onte tamén houbo verbas de lembranza para a mediametraxe de Chano Piñeiro " Mamasunción. Bragado dixo sobre ela que "transmitiu ó público internacional a identidade etnográfica e a forma de sentir do pobo galego", ó retratar a unha muller maior de aldea que cada día preguntaba ó carteiro se tiña unhas letras de seu fillo emigrado en América ata que un día unha nova revoluciona a súa vida e a dos seus aldeáns.

Ademais de Caballero e Bragado, tamén interviu Carmen Grandal (farmacéutica e estudante universitaria con Piñeiro en Compostela) quen lembrou a frase de Chano: "Para nós, ser galegos é a mellor maneira de ser universais".

Pola súa parte, o biógrafo Francisco Rozados lembrou que Chano Piñeiro naceu en 1954 cando Forcarei era unha aldea. Para Rozados, hai dous valores fundamentais na cinematografía do autor vigués. O primeiro sería o feminismo xa que "defendía a muller sempre", como "salvagarda do rural" e tamén do galego.

O segundo valor sería a infancia porque "sempre hai nenos" en boa parte dos seus filmes. De feito, en Luz de soño deixou escrito que a súa patria era a súa infancia, coincidindo con autores como Beaudelaire, Saint-Exupèry ou Rilke.

Por último, a actriz e concelleira de Igualdade en Vigo Uxía Blanco -quen deu vida a Xonxa no filme- lembrou como coñeceu a Chano Piñeiro e lle ofreceu se-la protagonista da película ó entender que cumpría cos requisitos do personaxe. De feito, naquela altura, Chano viña de remata-los castings en Galicia polos que pasaran 600 aspirantes sen que ningunha o convencera.

Blanco recalcou que o cineasta era "unha persoa incrible, sempre o boto e sempre o botarei de menos". Lembrou que el, ós actores, pedíalles actuar "con naturalidade, realismo e sentimento".

En canto á rodaxe de Sempre Xonxa, lembrou como Chano se mergullou da vida na aldea onde se rodou ó igual cós actores que aprenderon a falar coa fonética dos paisanos de Rubillón e Baíste, en Avión (Ourense).

A actriz revelou como Chano loitou pola súa primeira longametraxe sen tira-la toalla mesmo cando houbo que para-la gravación por falta de diñeiro. "Nós nunca tivemos a dúbida de que se ía acabar", sinalou unha muller que lembrou o que Piñeiro defendeu sempre: "Facer cine en Galicia é posible, facer cine en galego é necesario".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Noticias relacionadas

FaroEduca