Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sés: "Dende o ano 1936, gobérnannos os mesmos"

A cantautora, que actúa o día 6 en Vigo, rexeita o "sambenito de canción protesta"

Sés, nun directo. // Ricardo Grobas

"Hai unha cúpula de persoas que se rin de nós como pobo e dáme rabia". Sés, María Xosé Silvar segue sen tapa-la boca, o que se agradece. Quizais, agarda a que o resto tampouco calemos. O novo disco que canta titúlase Rabia ao silencio, como dicía a canción de 1956 "Téñolle rabia ao silencio" de Yupanki, encarcerado na etapa peronista, e que Sés inclúe no álbum que presentará en Vigo o 6 de abril, ás 21.00 horas no Teatro Afundación. Acompañarana Tito Calviño á guitarra e Sabela Galbán na frauta e acordeón. Sés, que xa está a gravar outro novo disco, promete "un concerto intenso e humano".

-Cal foi o xermolo deste disco?

-O disco naceu como un espectáculo co que quería homenaxear as persoas que me ensinaron a pensar. Esta é unha paréntese dentro dos meus discos. Os músicos pedíronme que o gravara como disco pero non estaba pensado como tal.

As persoas que ensinaron a pensar a Sés foron, entre outros, músicos e literatos. O tema "Serei curiosa", por exemplo, ten letra dun poema de Benedetti crítico coa ditadura militar uruguaia e que foi cantado nos 70 por Quintín Cabrera. Os restantes 11 temas tamén son doutros autores como Fuxan os Ventos, Enrique Mejía Godoy, o cantor da Revolución cubana Carlos Puebla, Zeca Afonso ou foron cantadas por Soledad Bravo ou Mercedes Sosa, entre outras.

-Foille difícil adecuarse ós ritmos americanos e doutras latitudes?

-Realmente, os sons americanos son moi parecidos ós nosos porque case todo vén de África. Pero, ademais, son sons que consumo a diario dende hai moitísimo tempo. Están metabolizados en min pero non sonan igual ca neses países, soan ó meu xeito, galeguizados. Eu, ó final, son unha cantareira.

- Este disco adícao ó seu avó Juan, xa finado. Como cre que recibiría este álbum?

-Creo que ben. Cando eu era pequena, cando viña xente á casa, meu avó -co que me criei- dicía 'esta nena escoita de todo: clásica, jaiteiros...'. Para el, era algo bo. Unamuno pensaba que "canto menos se le, máis dano fai o que se le". Eu creo que "canto menos se escoita máis dano fai o que se escoita".

- Considera que a xente esqueceu que a arte debe ser unha arma de loita contra o establishment ?

-Herreros e Cuenca din que todo o discurso musical é un discurso político, todo. A idea de poñer eses textos obedece a que odio o sintagma musical que se me pode chegar a acuñar de "canción protesta". Non o soporto. É unha falacia que acuñaron para nós e crémola. Eu prefiro que me asenten na canción testemuñal, que alude ó carácter cronista e narrador da canción. Eu non son protestona. Pero a xente pensa que Víctor Jara facía música política e Maluma, non. Mentira (besbella para enfatizar). Jara defendía un sistema e Maluma, outro. A realidade política é toda a realidade. Hai música política que defende o establishment e música política que non o defende. Cada vez que Maluma ou Shakira soltan unha perla, fan política; sen embargo, o sambenito de música política cólganmo a min. Non, non, ou nolo colgan ós dous ou a ningún.

- Que mensaxe política ve en Maluma e Shakira?

-O apoio ó establishment económico, xerárquico e patriarcal.

- Como se explica que a xente nova, mesmo con estudos e mulleres, apoie o discurso de Maluma e compañía?

-No caso das mulleres, por alienación. Homes e mulleres somos iguais, é dicir como somos criados nun sistema machista, somos machistas. Os homes pagan o pato pero se non os apoiase a metade do mundo, non poderían facer o que fan. A mensaxe de Maluma ou Shakira perpetúase por ignorancia, que está moi ben asegurada no sistema educativo, polos mass media que son propiedade do poder político neoliberal e patriarcal e tamén por parte de xente que sente que é duro renunciar ós privilexios.

- Tódalas cancións, inda que foron compostas hai un tempo, teñen unha validez actualizada que...

-...Asusta. Moita xente deu por sentado que eran cancións miñas, a ninguén lle pareceron antigas. No Estado Español houbo unha falsa transición, a xente chegou a crer que as cousas cambiaran e non cambiaron. Os culpables nunca pagaron, nin saíron das institucións. Dende 1936, gobérnannos os mesmos.

- Cunha máscara?

-Claro, por que vai cambiar nada? Durante un tempo, véronse forzados a disimular ante a opinión pública internacional; agora, non hai esa necesidade.

- Que expectativas ten ante os vindeiros comicios?

-Non as teño porque non teño esperanza; non creo que auguren nada bo; ogallá me equivoque. Outras veces, pensei que traerían algo bo e non o trouxeron. Non houbo viaraxe senón que se agudizou camiño cara a dereita, cun avance da ultradereita a nivel mundial. Imaxínate encende-la tele e ver a Hitler falando nun programa. Iso está sucedendo. Por iso, non sigo a televisión e outros medios de comunicación, non me dá o estómago.

Compartir el artículo

stats