Cando en novembro do ano 1992, a resaca dos Xogos Olímpicos e da Expo de Sevilla inzaba os xornais, Salvador García Bodaño (Teis, Vigo, 1935) ingresaba na "Casa Grande das nosas Letras", A Real Academia Galega. Respondeu o seu discurso de ingreso o ilustrísimo Carlos Casares que o calificou de "home consagrado á poesía".

Bodaño, poeta do amor á terra, que ten cantado á xeración dos bos e xenerosos que finaron nas cunetas e noutros lugares de sombras como Alexandre Bóveda, supón unha das figuras máis senlleiras da poesía galega, especialmente, da Xeración dos 50.

Por iso, a Real Academia Galega adícalle hoxe o Día Mundial da Poesía cun acto con cariño en versos que acollerá a sede da RAG na rúa Tabernas da cidade herculina a partir das 19.30 horas.

Nesa homenaxe, a voz poética do autor de obras como Se vas a Compostela, Ao pé de cada hora ou Pegadas no alcatrán, resoará na boca de Dorés Tembrás, Xulio López Valcárcel, Alba Cid, Baldo Ramos e os membros da Academia Luz Pozo Garza, Margarita Ledo Andión, Xosé Luís Franco Grande, Darío Xohán Cabana, Helena Villar Janeiro e Marilar Aleixandre. Non obstante, a loanza asínaa o académico Arcadio López-Casanova.

O acto abrirao o presidente da RAG, Víctor Freixanes; mentres que o peche corresponderá a Xesús Alonso Montero. Non obstante, será conducido por Andrea Porto. Esta poeta e música (guitarra e baixo) da Banda da Loba destaca da expresión poética do autor vigués asentado en Compostela que "sen moito artificio e cunha linguaxe sinxela, Bodaño consegue achegar dun xeito profundo reflexións que todos temos sobre o amor, o paso do tempo, a morte...".

Pola súa parte, Marilar Aleixandre aposta para a homenaxe non polos versos intimistas senón polo poema "Non houbo galos", adicado ó asasinato de Alexandre Bóveda. "É un poema moi emocionante, escrito hai anos pero que segue a ter validez nun momento no que aínda seguimos a ter tanta xente nas cunetas, un problema que se debería solucionar. Lembro que estas elexías foron os primeiros poemas que lin del", sinala.

Para Aleixandre, "a poesía de verdade como a de Salvador perdura en contraposición á literatura light de usar e tirar. Eu creo que a poesía conecta ás persoas a través de distintas xeracións. A poesía fala de cousas intemporais. A poesía interpela o que está máis dentro de nós; para escribila hai que mirar cara adentro. En Galicia, ten un papel particular, distinto do doutras linguas, está moi viva".

Pola súa parte, o músico Miro Casabella opina que a poesía de Bodaño presenta "unha musicalidade importante" que demostrará no aco coas cancións: "Adeus", "Compostela" e "Se uas a Compostela".

Da poesía do seu amigo Bodaño -que Casabella coñeceu no 1968 cando foi a Compostela no Nadal actuar ó Cinema Capitol-, louva "a gran calidade e sensibilidade, cunha carga social e de denuncia importante sobre a represión da posguerra". Inda que o poeta tamén destacou pola súa innovación expresiva como se pode comprobar en Autopoética en poesiagalega.org: Ergo as palabras de cada día/ fronte ó preciosismo embalsamado e o mimetismo lírico decadentista.

A elección de poemas sobre Santiago non responde ó azar. Como escribiu Anxo Tarrío hai xa un tempo, "Compostela e el son xa unha institución de amor".

Inda que convalecente -por iso, FARO non puido falar onte con el sobre a homenaxe- Bodaño e a súa familia confían en que hoxe acuda a Á Coruña ó acto.

Andrea Porto - Poeta e música

"Sen moito artificio, achega reflexións que todos temos"

MARILAR ALEIXANDRE - ACADÉMICA DA RAG

"A poesía de verdade como a de Salvador perdura fronte á 'light'"

MIRO CASABELLA - MÚSICO

"A súa poesía presenta unha musicalidade importante"