A Televisión de Galicia (TVG) non retransmitirá este ano a gala dos Premios de Teatro María Casares. A decisión foi tomada pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) "por diferentes motivos". "En primeiro lugar, é unha decisión meditada en diferentes asembleas internas da asociación, nas que se manifestou a necesidade de mellorar as condicións da emisión por parte da TVG ou, en caso contrario, de buscar novas alternativas", indicou a entidade nunha nota, na que engadiu: "Con ese mandato asembleario, a AAAG solicitou ao longo dos últimos meses reunións cos responsables de Programas do ente para propoñerlles cambios e melloras na retransmisión. Non obstante, tal xuntanza nunca tivo lugar. Envióuselle por escrito a petición de mellorar diferentes aspectos da retransmisión e solicitouse que a emisión fose pola primeira canle da TVG nun horario razoable. As peticións foron ignoradas e ofreceuse dende a TVG as mesmas condicións dos últimos anos nos que a gala dos María Casares ficaba reducida ao streaming na web e á emisión pola segunda canle en horarios poucos favorables para a audiencia", subliñou.

A AAAG considera que a Crtvg falla, neste senso e noutros moitos, "na súa obriga de difundir a cultura propia en xeral e a teatral en particular". "Parece que nin os María Casares nin o sector escénico encaixan nas coordenadas marcadas polo lema de #Cultura365, impulsado pola Crtvg dende o momento en que se desvirtuou a marca histórica do Diario Cultural con gran protesta dentro do sector cultural", apuntou a AAAG. A decisión da entidade chega "nunha época de forte cuestionamento do labor público xeral do ente, tal e como evidencia a iniciativa dos Venres Negros".

Por todo o exposto, a AAAG ofreceralle ao público a posibilidade de ver a gala a través da empresa Aleuto Medios Dixitais, que se encargará da retransmisión a través de streaming que se poderá seguir a través de Youtube a partir das 21.00 horas do vindeiro xoves 21.