Unha década despois de actuar en New York, o gaiteiro Isidro Vidal regresa a Estados Unidos, para participar nos actos de St Patrick´s Day nas cidades de Boston e NewPort entre o 14 e o 19 de marzo.

Nestes actos colaborará coa Banda de Gaites Corvera d´Asturies, única agrupación representante da península Ibérica, que ademáis, é unhas das asiduas a estes actos na costa este.

O músico e compositor, empezou a traballar na composición e arranxos para esta banda de gaitas no ano 2018 fruto da popularidade que acadou o seu proxecto #composicion365, no que compoñía unha peza musical diaria e que rematou con máis de 50.000 descargas e interpretacións por gaiteiros de Arxentina, Escocia, Potugal, Galicia, Asturias, Bélxica, Suiza, ou Xapón.

O interese en Asturies polas obras de Vidal está en auxe; os gaiteiros Javier Menéndez e Rodrigo Joglar, galardoados no prestixioso concurso internacional de gaita McCrimmon, gravaron pezas da súa autoría, e para os vindeiros meses ten composicións encargadas para outras agrupacións.

Á volta de EEUU, Isidro Vidal rematará de gravar o seu primeiro disco en solitario acompañado de músicos de renome da música folk galega que irá presentando durante os vindeiros meses. Neste disco ademáis contará coa participación dos seus seguidores, que como anunciou hoxe nas redes sociais, “quero que ti participes, sepas ou non tocar, sepas ou non cantar; faremos algo axustado para que todos poidades participar”, animándoos así a que se subscriban no en isidrovidal.com.