08 de marzo de 2019
08.03.2019
null

"Ao lado dunha muller libre vai haber sempre un home libre"

"O feminismo non vai en contra dos homes; é un movemento que loita pola igualdade de todas as persoas", proclaman Ana e Anaír, convencidas de que a unión é fundamental

08.03.2019 | 01:55

A protagonista maior cóntalle á máis nova como foron os anos setenta do pasado século, no que as mulleres que coma ela soñaban cunha utópica igualdade ensinaron a outras as vantaxes dos anticonceptivos ou do dereito ao divorcio. Pasaron máis de catro décadas. "Hoxe temos unhas cotas de igualdade moi superiores ás de xeracións anteriores pero seguimos vivindo nunha sociedade profundamente desigual. Estámolo vendo", comenta a menor. Nesta conversa ambas repasan todo o conseguido ata o momento e o que aínda falta. No horizonte, un devezo común: a igualdade real.

Entre elas hai trinta anos de distancia. Malia os distintos camiños percorridos, úneas un desexo común: o de chegar a ver unha igualdade real. Ana Míguez, empresaria e firme defensora dos dereitos da muller desde os anos setenta, confesa que foi de pequena cando se deu conta de que ela non era coma o seu irmán. Soubo que todo para ela ía ser máis difícil. Naceu no 1949. Anaír Rodríguez, editora nada no 78, o ano da Constitución, considera que ela, sen embargo, medrou no concepto de igualdade. "Pero unha igualdade que agora vemos que non é tal", apunta. Desde as súas perspectivas, fan unha viaxe cara o pasado e cara o futuro.

| Avances neste ano. "Creo que houbo un avance en primeiro lugar de achegamento das novas xeracións ao movemento feminista. Había décadas que a xente nova non se achegaba; é un punto de inflexión moi importante, pensando de cara ao futuro. Por outro lado, o 8-M do ano pasado tamén serviu para a visibilidade, conseguimos entrar na axenda política. O feminismo forzou aos partidos a tomar posicións", comenta Anaír Rodríguez. "Fixéronse cousiñas pero non moitas. Cuestións tan importantes como as mulleres emigrantes, as coidadoras ou o tema da violencia sexual sobre as mulleres seguen aí. É necesario formar a xuíces e xuízas, fiscais... nos temas de xénero", expresa Ana Míguez, que engade: "Ah, e os medios de comunicación falan máis das mulleres. Cuestiónase a situación".

| Momento actual. "Pasou un ano e estamos de cheo na reacción machista. Tivemos unha acción feminista que eclosionou no 2018 pero agora temos que estar na alerta feminista de non retroceder un ápice porque parece que se albisca unha vaga ultraconservadora perigosísima para os intereses das mulleres. Veremos a forza que temos as feministas para frear o intento de neutralizar a forza do movemento feminista", conta Rodríguez. "O patriarcado é moi perigoso coas mulleres. Non cabe dúbida de que son privilexios que sempre tiveron eles. Ese movemento conservador non quere que desaparezan ditos privilexios", describe Ana Míguez.

| O feminismo é igualdade. "O feminismo é igualdade, non é unha loita contra os homes. Insistamos", recalca Rodríguez. "Únete a min e serás máis libre", apunta Míguez. "Eu quero ser positiva. E despois de ver na manifestación de hai un ano tanta xente nova, rapaces novos... creo que me dá moitísima esperanza de que poida haber máis homes que nos apoien neste cambio para recuperar as mulleres os dereitos humanos", engade Ana. Coinciden en que o piar é a educación. "Percibo nos rapaces pequenos, penso en Primaria, que non vexo eses prexuízos que logo se desenvolven nunha idade maior. Son tremendamente receptivos e conscientes da desigualdade. Ten que continuar así ao longo de todas as etapas educativas", puntualiza Anaír.

| Anos 70. "É que cambiou tanto a sociedade. Falamos dos anos setenta. As feministas eramos mulleres cunha determinada formación, comprometidas coa causa. As manifestacións só de mulleres, claro. Mobilizabámonos polo aborto, polo divorcio, polos malos tratos, o acoso sexual... aquí, en Madrid. Non vos podedes imaxinar o que foi levar os primeiros casos de acoso sexual laboral, falo do ano 76...", lembra Ana Míguez dos seus inicios como feminista. "Había unha situación moi extrema. Foi unha loita polos dereitos básicos. Agora tedes unhas vantaxes que nós non tivemos. Podedes optar aos anticonceptivos sen ningún problema, ao divorcio, ao aborto... Todo iso houbo que pelexalo moito", engade.

| Décadas despois. "Erades unhas valentes! Somos as fillas do traballo valente, extraordinario, que fixestes as feministas dos anos 70, sentando as bases para que nós puidésemos contar con esa cobertura legal que nos permitiu desenvolvernos con certa igualdade con respecto aos homes da nosa xeración. A nós inculcáronnos desde nenas que somos iguais aos homes. Medramos con iso", expresa Rodríguez.

| Diferenzas no século XXI. "Pero chegou un momento, o actual, no que nos estamos dando conta, tomando conciencia, de que esa igualdade non é tal, non foi tal...", continúa reflexionando Anaír, desde a súa perspectiva xeracional. "Temos unhas cotas de igualdade claramente moi superiores ás de xeracións anteriores pero seguimos vivindo nunha sociedade profundamente desigual, estámolo vendo... O acceso das mulleres ao mercado laboral é máis complicado, máis difícil, o traballo temporal é superior en mulleres, os salarios non están igualados, todo o que falamos da conciliación. Nós estamos sufrindo en primeira persoa as dificultades de criar fillos e acceder ao mercado laboral (e manterse), o tema das dobres xornadas (no traballo e na casa)... Somos a primeira xeración que gozamos de igualdade, pero unha igualdade que temos que matizar moito, ser conscientes de que no día a día a desigualdade segue a ser flagrante".

| Condescendencia. "É coma unha especie de discriminación sutil. Creo que é do que máis me molesta. Esa concepción que teñen algúns homes de que somos infantís, que non estamos ao mesmo nivel intelectual ca eles. Cando te chaman polo diminutivo, cando che din neniña, a maneira na que se establece o trato, que realmente non é unha maneira igualitaria", comenta Anaír Rodríguez. Ana asente: "Si, acontece a todos os niveis".

| Demostrar o triplo. "Si, moito máis. Tes moito máis que demostrar no ámbito laboral que os teus colegas varóns. E coidándose de non fallar polas posibles críticas. Hai un grao de autoesixencia moi superior", engade Rodríguez.

| Estereotipos. En moitos ámbitos non se lles facilita o ascenso ás mulleres, o famoso teito de cristal. Pero en caso de que si aconteza, hai mulleres que temen asumir máis responsabilidades por medo a non facelo ben ou por temor a non poder conciliar. "É unha cuestión educativa, totalmente educativa. Na actualidade, quen é maioría nas aulas universitarias? As mulleres. Quen le máis? As mulleres. Maioría tamén nas oposicións. Sobra preparación para acadarmos calquera meta", expresa Míguez. "Seguimos con ese peso do estereotipo, que nos merma as expectativas. Merma e desgasta", apunta Rodríguez.

| Peticións. Coinciden Ana e Anaír que na administración xa hai leis. "Temos unha cobertura legal igualitaria, falta a implementación na realidade en algúns aspectos", apuntan. "Na empresa temos que esixir plans de igualdade para paliar a fenda salarial e para que haxa medidas que permitan conciliar", prosegue Anaír.

| Consellos ás máis novas. "Que non permitan que o logrado ata agora se perda. Temos que estar sempre vixiantes", coinciden as protagonistas desta reportaxe.

| Consellos aos homes. "Que o feminismo non vai en contra deles: é un movemento que loita pola igualdade de todas as persoas", comenta Anaír. E engade Ana: "Ao lado dunha muller libre vai haber sempre un home libre".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
FaroEduca