Cumpríronse as quinielas e a película "A sombra da lei", da productora Vaca Films, foi a gran triunfadora na gala de entrega dos principais premios do audiovisual galego, os Mestre Mateo, que se celebrou onte á noite no Palacio da Ópera da Coruña. A cinta de Dani de la Torre fíxose con dez dos quince galardóns aos que estaba nominada, incluidos o de mellor longametraxe, director para Dani de la Torre e actor protagonista, para Luis Tosar.

Tamén se levou o recoñecemento dos membros da Academia Galega do Audiovisual (AGA) nas categorías de mellor dirección de producción, para María Liaño; direccion de arte, para Juan Pedro de Gaspar; maquillaxe e perruquería, para Raquel Fidalgo e Noé Montes; montaxe, para Jorge Coira; música orixinal, que foi a parar ás mans de Manu Riveiro e Xavi Font; vestiario, para Clara Bilbao; e son, premio que comparten James Muñoz e José Antonio Manovel con David Machado (La Panificadora).

A película "Trote", a outra gran favorita ao partir, tamén, con quince nominacións, tívose que conformar cun total de cinco premios: mellor actriz protagonista e de reparto, para María Vázquez e Melania Cruz, respectivamente; actor de reparto, para Federico Pérez; guión, para Xacio Baño e Diego Ameixeiras; e dirección de fotografía, para Lucía C. Pan.

En canto a outras categorías profesionais, o premio á mellor realización foi para Sito Torres e Miguel Granero, por "Álbum de viaxe" (programas 1 ao 9); mentres que o de mellor comunicador de televisión recaeu en Rodrigo Vázquez, por "Ti verás" (programa 364).

No eido da producción, "Idénticas" (Amanita Studio, La Panificadora e Aspoh) fíxose co galardón ao mellor documental; "A nena azul" (Reira Filmes, en producción asociada con Píxel Films e Comunika) gañou na categoría de mellor curtametraxe de imaxe real; "Soy una tumba" (Uniko e Autour de Minuit), do director cangués Khris Cembe, na de mellor curtametraxe de animación; e "Ti", de Juan Galiñanes, foi elixido como mellor anuncio publicitario.

Os restantes galardóns foron para "O sabor das margaridas" (mellor serie de televisión); "Buscadores de naufraxios" (programa de televisión); "Dinosaurio, a serie" (serie web); e "Ahora o nunca" (videoclip).

Os premios, que os académicos elixiron cos seus votos entre as máis de 400 candidaturas presentadas en vinte e cinco categorías, foron entregados por diversos profesionais pertencentes ao audiovisual galego, como as actrices Belén Constenla, Estíbaliz Veiga, Ledicia Sola, Isabel Blanco e María Bouzas; os actores Miguel Canalejo, Alberto Rolán, Xosé Antonio Touriñán, Xavier Picallo e Luis Iglesia; ou os cineastas Javi Camino, Anxos Fazáns e Andrés Goteira.