"Ribeiras de salitre" comezará hoxe o programa no Faro de Corme, fronte á pedra do Roncudo, a pedra percebeira con máis sona de Galicia. Na confraría deste porto central da Costa da Morte están asociados 80 homes e mulleres, que se dedican ao percebe, o mergullo, as nasas e a volanta, sendo o percebe, o longueirón, o ourizo e a pescada os recursos que máis se capturan. Con Roberto Vidal, os espectadores coñecerán a pedra do Roncudo, moi importante, xa que o percebe que se cría nela alcanza prezos moito maiores ca os doutras zonas. X.H. Rivadulla Corcón tamén falará con Mari Carmen Suárez, que viviu toda unha vida de percebeira, o que lle fai saber como poucos o valioso que é este recurso, e con Rosa Rodríguez e María Jesús Veiga, que traballan de atadeiras.