Imaxes en movemento do poeta español máis internacional do século XX, Federico García Lorca, camiñando cun sorriso pola rúa Príncipe de Vigo foron identificadas por primeira vez no Club FARO de Vigo polo editor Henrique Alvarellos, trala investigación do fotohistoriador Carlos Castelao. Trátase da primeira -e polo momento, única- gravación que amosa ao intelectual coa compañía teatral que dirixía, "La Barraca", en Galicia en 1932 e que se vencella á unha rodaxe realizada polo iluminador Gonzalo Ménendez Pidal.

Unha imaxe fixa desa escea fora situada de forma errónea na Coruña ata agora pero a fonda investigación de Castelao, que explicou en Club FARO polo miúdo e baseada na investigación histórica das fachadas dos edificios, desvelou que a ubicación é a rúa Príncipe -concretamente á altura do número 33-, fronte ao antiguo Círculo Mercantil, hoxe sede do Real Club Celta.

Tamén se localizaron na rúa Príncipe -que a principios dos anos trinta se chamaba Capitán Galán- as gravacións que reflicten a un Lorca feliz, acompañado de Ketty Aguado e outros actores da compañía. "Ata finais do ano pasado, esta imaxe estaba identificada na Coruña", explicou Castelao, que comezou a tirar do fío ao identificar un rótulo anunciador de máquinas de coser Singer. Logo de comprobar que a ubicación na que se atopaba a tenda da cidade herculina non se correspondía cos edificios da foto, demostrou graficamente como os elementos arquitectónicos si encaixaban coa cidade olívica. "Os dous edificios do lado siguen exactamente iguais na actualidade", sinalou Carlos Castelao, seguindo o percorrido dos membros de "La Barraca". Fotohistoriador e editor destacaron a feliz xornada que Lorca pasou na cidade e fixeron un chamamento a colaboración da administración local para homenaxear dalgún xeito esa visita.

A singularidade das imaxes quedou patente no discurso de Alvarellos: "As gravacións nas que se amosa Lorca son contadísimas. Reivindicamos ese agasallo á cultura galega e a empatía dese poeta español, o máis internacional de todos os tempos, con Galicia".

A proxección que onte foi atribuida a Vigo foi cedida polo Instituto Valenciano de Cultura a Alvarellos tralo permiso pertinente. Está datada, posiblemente, no 25 de agosto de 1932, durante unha visita que fixo coa compañía teatral para representar los "Entremeses" de Cervantes". "Imaxinamos que, pola tarde, paseou co grupo polo centro de Vigo e había un dos 'barracos', un dos integrantes do grupo, que levaba unha cámara de vídeo e outro, de fotos. Era Gonzalo Menéndez Pidal [fillo de Ramón Menéndez Pidal] que daquela tiña vinte e poucos anos e a quen se lle ve filmando", indica Alvarellos. Ese camarógrafo morreu hai vinte anos.

Hai dous anos que a obra de García Lorca -asemade que a de Valle-Inclán- entrou en dominio público, polo que as súas obras poden ser abordadas sen afrontar o farragoso tema dos dereitos de autor.

Por iso desde o ano pasaod, Alvarellos Editora e o seu director, Henrique Alvarellos impulsaron accións como o día 25 de outubro como "Día de García Lorca en Galicia", porque foi o día que chegou en tren nunha viaxe de estudante, ou unha das edicións facsimilares dos célebres "Seis poemas galegos". "Con ese libro, o poeta converteuse no gran embaixador da lingua e da cultura galegas polo mundo", destacou onte Alvarellos, en alusión a que son os versos galegos "máis reeditados e traducidos de todo o século XX".

Destacou tamén o editor que o galego foi a única lingua que Lorca empregou para a súa obra, ademais do castelán e referiuse a numerosas fontes documentais que demostran esa querenza do granadino por Galicia. Nunha entrevista concedida no Hotel Castelar, onde Lorca viviu seis meses en Bos Aires durante a súa xira americana, respondía ao xornalista Xosé Ramón Lence: "Llevo a Galicia en el corazón, porque en ella he vivido y soñado mucho; para mí es mejor soñar que vivir. Al llegar a Galicia me sentí poeta de la lluvia alta y pausada...", leu Alvarellos en referenza a un momento no que o poeta xa tiña unha proxección internacional.

Tamén destacaron que esa viaxe a Galicia en 1916 foi decisiva para Lorca, que chegou sendo pianista pero logo "decidiu ser escritor". "Tres anos despois daquela viaxe que durou 21 días en Galicia, Lorca escribiu un poema a Rosalía de Castro que comeza: Desde las entrañas de la Andalucía mojadas con sangre de mi corazón/ te mando a Galicia, dulce Rosalía/ claveles atados con rayos de sol".

Iso si, do poeta non hai rexistros de voz. O máis semellante é unha canción na que el toca o piano. E así rematou onte o emotivo acto.