En pleno franquismo, Vaamonde montou un grupo de corte ye-ye en Vigo nos sesenta e pouco despois un trío de corte galeguista e desa liña xa non se separou nunca. "Gracias a súa música, os versos dos poetas pasaron de ser dixeridos, asumidos e disfrutados por unha minoría a ser realmente populares", insistiu Boó que lembrou que o músico recorreu tódolos rincóns da xeografía galega e de fora das nosas fronteiras e que foi un dos autores galegos máis prolíficos da súa xeración, con 15 elepés publicados e máis dun cento de temas grabados sen editar.

"Penso que non me deixei levar polas ataduras sentimentais e unha das razóns polas que o retrasei foi porque ademais de estar recente o seu falecemento me botaba para atrás o medo a defraudar a uns e a outros pero finalmente escribín co obxectivo de non defraudalo a el e estou convencido de que non o fixen", aseverou Boó que non deixou de lado na obra aspectos máis polémicos da vida de Vaamonde coma o incidente de Guimaraes cun dos membros do grupo "do que hai dúas versións e xente que non quixo falar", a disolución de Voces Ceibes, as súas diferencias cos seus compañeiros ou o seu exilio en Venezuela tras ser sentenciado en 1979 a seis anos de cárcere por inxurias contra a patria. "Un militar denunciouno porque oiu como o público coreaba 'cando me falan de España sempre teño unha disputa'". Por este feito, recordou o autor da biografía, presumía de ser "o primeiro exiliado da democracia". Tras catro anos en Venezuela e dificultades, logrou o indulto do goberno de Felipe González.

Ao remate do acto, un peche de ouro por parte de Luis Vaamonde, irmán de Suso, e Alfredo Dourado - "pasado e futuro de A Roda"- que xunto co propio Boó interpretaron tres temas que adoitaba cantar o músico.