O programa Luar da Televisión de Galicia (TVG) recibirá hoxe a visita dun dos grandes da música latina, o venezolano Carlos Baute, un dos artistas chegados da outra beira do Atlántico con máis éxito no noso país. Con preto de dous millóns de discos vendidos e unha morea de premios ás súas costas, é tamén un dos artistas máis queridos polo público galego. Tamén estará esta noite no escenario o cantante e compositor ourensán Cepeda, coñecido pola súa participación en Operación Triunfo (OT). Despois de lanzar o seu primeiro sinxelo e alcanzar o número 1 nas listas de vendas de España, disponse a publicar o seu primeiro álbum, que sairá á venda en xuño e que permitirá comprender mellor a súa evolución artística. Conterá cancións propias e tamén composicións antigas que permitirán coñecer como era ese artista anónimo e tímido que escribía por puro pracer. O espazo presentado por Gayoso e Patricia Fernández Santana contará coa presenza doutra artista xurdida da factoría OT: a cantante e actriz catalá Nerea Rodríguez. Por outro lado, os espectadores de Luar viverán hoxe un momento moi emotivo, xa que o programa homenaxeará a súa colaboradora Áurea, falecida, coa actuación de "Dignas do Querer", grupo de pandeireteiras ao que pertencía.