14 de febrero de 2019
14.02.2019

Villares debulla "Arredor de si", de Otero Pedrayo, nun ensaio sobre a Xeración Nós

Presentou en Vigo a reedición de "Fuga e retorno de Adrián Solovio", una obra que naceu en 2006 co seu discurso de ingreso na Academia Galega-

14.02.2019 | 02:17
Carlos Lema, Ramón Villares, Franco Grande e María X. Porteiro. // J.L.

A obra "Fuga e retorno de Adrián Solovio. Sobre a educación sentimental dun intelectual galeguista" (Editorial Galaxia), presentada onte na librería Cartabón de Vigo polo seu autor, o historiador Ramón Villares conta no seu haber con tres datas distintas de publicación: 2006, 2007 e 2018. Na primeira ocasión, foi o discurso de ingreso de Villares na Real Academia Galega no que por primeira vez abordou a figura de Adrián Solovio, o protagonista de "Arredor de si" (1939), novela de Ramón Otero Pedrayo que se considera biográfica do autor e símbolo da Xeración Nós. "Inicialmente foi o meu discurso e tiveron acceso a él os académicos e o público, ao ano seguinte o Centro de Estudios Oterianos e agora con esta reedición é o público xeral o que ten a ocasión de lelo. Penso que se le ben e pode ser útil para un lector da actualidade", aseverou Villares. Onte, estivo acompañado na presentación polo académico X. L. Franco Grande, a xornalista María Xosé Porteiro e o director de edicións de Galaxia, Carlos Lema.

A partir dese primeiro discurso de 2006, agora enriquecido con novas aportacións e observacións, o historiador documenta e contextualiza algunhas das claves do pensamento galeguista moderno que representaba á Xeración Nós. Articula o texto arredor de "Arredor de si" e Villares mesmo dialoga co seu autor. "Escollín esa obra porque tanto Otero Pedrayo como os seus amigos e compañeiros considerábana unha biografía da Xeración Nós", sinalou Villares, que engade que no seu ensaio fixo "unha aproximación á obra literaria dende un punto de vista histórico e o que supuxo para a cultura da súa época".

"Ao igual que Otero Pedrayo, Adrián Solovio busca a súa identidade e tras viaxar polo mundo chega á concepción de que debe retornar e redimir a súa terra dos estereotipos e das limitacións", explica o historiador.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
FaroEduca