Regresa esta noite á Televisión de Galicia o docusoap de entretemento "Grandes lugares" espazo que pretende amosar, desde un punto de vista optimista e particular, a historia afectiva e social de varias poboacións galegas con moito para contar. "Grandes lugares" comeza hoxe o seu tempo visitando a aldea de Sésamo, no municipio de Culleredo. Un gran lugar con moita historia, e rico en patrimonio cultural. Unha terra marcada pola figura dun párroco, Moncho Valcarce, que deixou aos seus fregueses un inxente legado histórico: máis de catro mil libros e revistas. Coñeceranse as xoias do coñecido como Cura das Encrobas e comprobarase como os veciños de Sésamo, uns auténticos artistas, coidan do seu pasado.

A continuación coñecerase Santa Eulalia de Codeso é unha parroquia do concello coruñés de Boqueixón. Un gran lugar de ida e volta. Comprobarase coñecendo os seus emigrantes, aqueles que marcharon na procura dunha vida mellor e conseguiron regresar.

Por outra banda, o convidado da nova entrega de "Hoxe con Manquiña" sabía desde moi novo que quería ser policía, tiña moi clara a súa vocación, pero o que non sabía nin por asomo era que ía ser unha das pezas máis importantes para axudar a cambiar e modificar o imperio da droga e o tabaco de contrabando. É Enrique León, comisario de Vilagarcía, que deu caza aos responsables dunha das etapas máis problemáticas da historia recente de Galicia.