"Sesé Mateo", como chamaban cariñosamente a María José Mateo García, foi unha vítima mortal da violencia machista o 20 de febreiro de 2017, en Redondela. A súa familia, as súas amizades e as compañeiras de traballo "resístense a perdela". Por iso, preparan nunha edición dos seus textos e poemas elaborados "ao longo dunha vida de amor e solidaridade". Pretenden así facer unha "merecida homenaxe para unha muller sensible e loitadora".

O libro, titulado "No camiño do vent"o, sairá do prelo a finais de febreiro, coincidindo co 2º aniversario do seu pasamento e pódese mercar previamente -antes do 31 de marzo- facendo unha doazón de 10euros á Fundación Mujeres, que adicará o recadado a axudar a nenos e nenas orfos pola violencia machista a través do Fondo de Becas Soledad Cazorla Prieto. O proxecto é unha autoedición dos fillos e fillas de Sesé Mateo e dos seus familiares e amigos e amigas, polo que agradecen que os encargos se fagan, na medida do posible, en grupo.

Unha vez feita a doazón, seguindo as indicacións ofrecidas na páxina web sesemateo.es os exemplares poderán recollerse nalgunha das presentacións que se farán por Galicia e Madrid a partir do 26 de febreiro.

Aquela noite do mes de febreiro do ano 2017 a casa na que Josua, de 25 anos, vivía coa súa nai e o seu irmán pequeno voou polo aire. Desde entón, non foron poucos os atrancos que atoparon os seus familiares para saír adiante.