"A violencia machista, os asasinatos de mulleres a mans de homes que cren que son da súa propiedade, non é unha lacra; é un inmenso holocausto que vén da noite dos tempos", indicou a escritora feminista María Xosé Queizán onte no Club FARO. "Esta horrible situación das mulleres está creada pola humillación e as aberracións ao longo dos séculos", engadiu.

Baixo a temática "O feminismo hoxe; xuntas e fortes", Queizán e a especialista en pericia caligráfica, dramaturga e investigadora do feminismo, Mónica Bar, afondaron tanto na raíz histórica do feminismo como na orixe -xa documentada por Darwin en Ushuaia, Arxentina- de culturas patriarcais e baseadas en privilexios machistas.

Ambas foron introducidas pola profesora e escritora Marga do Val, que destacou que "Vigo é unha cidade feminista, construída polas mans de moitas mulleres", en relación -entre outras- á primeira galega licenciada en Medicina, xinecóloga, Olimpia Valencia que está hoxe en día no rueiro da cidade, Tamén defendeu do Val a María Xosé Queizán como "polígrafa" e chamou a atención sobre a necesidade de que sexan mulleres as que "ocupen espazos no ensino". Agradeceron á Asociación Cultural Pertenza a promoción desta conferencia, ao tempo que ao Club FARO.

Mónica Bar fixo un repaso histórico polo movemento feminista. A autora de "Feministas galegas; claves dunha revolución en marcha" (Xerais) quixo expresar que o feminismo enriquece ás sociedades democráticas nas que se instaura pero, tamén, que non é un movemento que nacera por xeración espontánea, senón que enterra as súas raíces na Ilustración, a pesar de que en España as mulleres tiveras as ás tronzadas a nivel de dereitos ata que en 1978, pouco despois da morte de Franco, se organizasen as primeiras reunións,clandestinas.

"As mulleres tiñamos practicamente convencidos aos políticos e políticas da necesidade de facer un pacto contra a violencia de xénero, que arestora corre bastante perigo", lamentou Bar en relación a Vox, mentres lembraba ás mil mortas en España desde que hai rexistros en 2004.

"Por fortuna, ultimamente temos aliados e xa non estamos tan soas", indicou en referencia da presenza de homes nas manifestacións e varóns que afirman ser feministas. Referiuse tamén a vixencia de moitas das temáticas abordadas pola "Festa da Palabra silenciada", unha revista de 29 números que levou a súa portada a prostitución como a escravitude deste século, o machismo na linguaxe...

Pola súa banda, ao tomar a palabra, Queizán definiu ás mulleres como as grandes traballadoras da historia. Cargando a pé o peixe na cabeza de Vigo ata Ponteareas ou outros lugares lonxanos, ou transportando area desde O Morrazo á Vigo para fregar as cociñas económicas. E citou a escritora do século XIX Concepción Arenal: "Os médicos poderán dicir que as mulleres faleceron de tal enfermidade, pero realmente morrían por exceso de traballo". Referíase así a ensaísta feminista ás duras labores do campo galego, entre outras, para alegar a tradicional 'escravitude' feminina.

Por esa razón, a novelista en "A orella no buraco" defendeu que "saír do privado é necesario, entrar na esfera pública coma os homes é o único modo de sermos seres libres e con valor".

"Na esfera pública están todos os homes e a relación se cristaliza a través dun contrato; mentres que na esfera privada, o contrato é sexual", indicou, "o traballo que non se paga é escravitude", dixo en relación a un esforzo diario feminino na esfera privada. "Mulleres escravas no fogar", asegurou en relación a féminas anónimas, das que engadiu o que aportan ao PIB de España, obxecto de estudo da doutora en Ciencias Políticas María Ángeles Durán, no CSIC.

Tamén puxo a autora de "Amor de tango" de exemplo a Rosalía de Castro a quen, a tríada de conferenciantes recomendou reler. En concreto, referíase Queizán ao adiantada que foi a autora de "Cantares Galegos": "Son como bolboretiñas que van cara a luz que as vai queimar", en relación co poder da erótica masculina.

Como telón de fondo dese extenso relato -polo tempo histórico que abrangueu- aínda que sucinto -pola brevidade obrigada da ponencia- estivo unha frase de Simone de Beauvoir: "Non esquezades xamais que bastará unha crise política, económica ou relixiosa para que os dereitos das mulleres volvan a ser cuestionados. Esos dereitos nunca se dan por adquiridos. Debedes permanecer vixilantes durante toda a vosa vida". Tróuxoa Mónica Bar moi adrede a colación polos tempos de contradicións que vivimos.