Pontevedra conta desde onte cunha escultura en homenaxe ao galeguista, artista e empresario Isaac Díaz Pardo. Inaugurouse nos xardíns de Enrique Marescot, fronte á facultade de Belas Artes, con motivo do Día da Galeguidade Empresarial, nun acto organizado polo Foro Enrique Peinador. O busto é obra do escultor José Molares e levántase sobre un pedestal da Escola de Canteiros de Poio, pertencente á Deputación de Pontevedra.

O monumento leva unha placa na que se pode ler unha cita de Díaz Pardo: "Cando os anos me venzan, xa descomposto todo e farto de facer todo o que fago, non sei o que farei... Estou tan afeito a perder que non sei que facer se un día gaño".

Interviñeron neste acto Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador; Xosé Díaz Arias, fillo do homenaxeado; Manuel Joaquín Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, así coma o deputado provincial Santos Héctor Rodríguez, o fiscal Carlos Varela e a decana de Belas Artes de Pontevedra. O presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González Martínez, explicou os obxectivos desta organización, que comparte co proxecto intelectual de Díaz Pardo, como son a xeralización do uso da lingua galega en todos os niveis da empresa, o uso do galego como lingua de traballo e das comunicacións internas, nos documentos de traballo da empresa, a dispoñibilidade de produtos informáticos, o uso do galego na rotulación interna do lugar de traballo, así como recoñecer os dereitos lingüísticos dos traballadores, usuarios e consumidores, fomentando o uso da lingua galega nos convenios colectivos, etiquetaxe e publicidade. Os asistentes entraron a continuación na facultade para inaugurar a exposición "Isaac Díaz Pardo e Sargadelos. Apontamentos sobre arte, industria e deseño". A exposición está comisariada por Silvia García González e estará aberta até o vindeiro 22 de febreiro.