A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou onte a toma de posesión do seu novo presidente, Juan Manuel Lema Rodicio, que releva no cargo a Miguel Ángel Ríos Fernández, ao frente da institución durante os últimos cinco anos. Durante o acto, no Pazo de San Roque, en Santiago, foron entregados tamén os Premios de Investigación Ernesto Viéitez a un equipo internacional liderado por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a un enxeñeiro da Universidade da Coruña (UDC).

O novo presidente subliñou que é a súa intención ampliar ao máximo o radio de acción da RAGC, buscando a colaboración do maior número de entidades posible. Ademais, destacou que este labor se realizará preservando a independencia, "un dos máis importantes activos da RAGC, que debemos exercer á hora de crear opinión sobre temas centrais que lle afectan á sociedade".