Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Bieito Romero: "O meu ADN ten castañas da Ribeira Sacra"

"O concerto de Vigo é especial; pecha a xira galega e haberá unha festa asegurada"

Integrantes da formación folk Luar na Lubre, con Bieito Romero (no centro da imaxe).

Luar Na Lubre, unha das bandas de referencia da música folk galega, pecha a xira galega do seu disco dedicado á Ribeira Sacra no Teatro Afundación de Vigo este sábado (20.30 horas, entradas desde 19 euros). A banda liderada por Bieito Romero vén de dar concertos por Europa -Reino Unido, Francia e Bélxica- e recibir un gran respaldo de público de América Latina. Aínda lle quedan outros 40 directos por dar, segundo recoñece vía telefónica desde Barcelona o líder da formación, Bieito Romero.

-Disque máis de 5.000 persoas lles viron en América Latina?

-A xira por América foi unha gran sorpresa para nós. Moi intensa. Non era a primeira vez que iamos a Santiago de Chile ou a Córdoba (Arxentina) ou a Montevideo, pero o reencontro foi fantástico. Sobre todo, porque presentabamos un traballo tan conceptual como "Ribeira Sacra", que daba a sensación de que fóra de Galicia era difícil de explicar. Pero nos levamos a sorpresa de que as historias sorprenden e a música gusta moito. Levamos corenta concertos feitos e estamos enchendo teatros por España e tamén por Europa. Restan agora outros corenta, que tamén están tirando moi ben.

-Levarán castañas e mencía da colleita da Ribeira Sacra para manter as forzas...

-Eu como tantas castañas no tempo das castañas, que o resto do ano o meu ADN ten parte delas. A miña familia vén de alí. O meu pai é do concello de Esgos, dunha aldeíña moi bonita que se chama Melón Baixo, que é onde está o Mosteiro de San Pedro de Rocas.

-Precisamente, onde gravaron este traballo.

-De alí saíu o xerme do disco; as estruturas das cancións que posteriormente se gravaron. E a miña nai é de Niñodaguia, un pobo alfareiro dos máis importantes de Galicia, en Xunqueira de Espadañedo, tamén en Ourense.

-Ese foi célebre pola súa tradución no franquismo: 'El nido de la guía'.

-Alí nunca lle chamaron así nin houbo ningún cartel que o puxera; pero hai tres Niñodaguia. E meu avó, antes de afiador, foi alfareiro.

-Logo tamén hai parte de reecontro coas raíces.

-A idea inicial era facer un traballo completo sobre a Ribeira Sacra, pero a de Ourense é tan extensa, que nos quedou pendente a de Lugo... Xa o explicamos no concerto que demos alí.

-No disco mestúrase a música co ambiente; co texto en barallete (xerga dos afiadores) ou coa lenda de Romasanta. Fixeron unha banda sonora humana e natural?

-Efectivamente, hai unha Ribeira Sacra humana que está en interacción coa parte natural. Quixemos coñecer máis a figura dos afiadores, oleiros... e ao mesmo tempo, a parte histórica e lendaria.

-Entre os 26 cortes do disco, hai gravacións de campo: campás, o alampar do lume...

-Si. Ese son de ambiente ponte en situación, no ambiente do tema que vai soar inmediatamente.

-Que opinións lles trasladan os seus seguidores?

-As sensacións son boas. Non so é que vendas máis ou menos, senón que o disco ten unha parte innovadora e as informacións que nos chegan é que gustou. Foi un camiño que continuaremos porque sen dúbida, funcionou ben.

- A Ribeira Sacra acaba de obter a catalogación BIC da Xunta. Este disco foi un bo baluarte para a campaña á Patrimonio Mundial da UNESCO...

-Emocionalmente, para min sempre foi Patrimonio da humanidade, non teñen que declaralo; pero é importante que a UNESCO o conceda. Cando comezamos o traballo non sabiamos nada dese proxecto, pero cremos que en boa medida axuda á candidatura, a ter unha banda sonora do territorio. Non había nada musicalmente falando deste tipo; cremos que é a primeira vez que se fai un traballo destas características, que é unha achega interesante para ese Patrimonio da humanidade. E tamén, que podería ser perfectamente unha provincia propia dentro de Galicia.

-Tiveron moitas e moi eclécticas colaboracións no disco. Estarán no concerto?

-Case todos os que participaron no disco van estar e haberá moitas sorpresas. O concerto de Vigo vai ser un concerto especial; é o último da xira por Galicia. Estarán SES, Óscar Rosende, pasando pola Coral de Ruada, Astarot,os 'Felos' de Maceda, facendo unha representación do Entroido, un afiador... Pretendemos que sexa unha festa; está asegurada. Facer unha xira por teatros en Galicia, onde non hai moito costume de pagar polo noso, é moi importante. E en Vigo sempre se nos quixo moito.

Compartir el artículo

stats