"Deseucaliptización" foi elixida palabra do ano 2018 con máis da metade dos 5.724 votos emitidos no Portal das Palabras, unha iniciativa web da Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié. O vocábulo gañador, que sumou un total de 3.114 apoios, impúxose a outro cinco termos finalistas.

De feito, a segunda palabra máis popular foi "feminismo", con 1.032 votos, mentres que pechan a lista "sororidade", "fariña", "apoderamento" e "fascismo". Segundo a RAG, a vitoria de "deseucaliptización" reflicte "un aspecto destacado na crecente preocupación social pola xestión do monte galego". De feito, non é a primeira vez que esta cuestión marca a elección da palabra do ano, posto que, aínda que en 2017 a vencedora foi "afoutez"', entre as finalistas estiveron "vaga de lumes" e tamén a gañadora deste 2018.

"Eucaliptización" e "deseucaliptización", aínda que non figuran no dicionario da RAG, axústase ás regras de formación de palabras propias do galego, segundo confirma esta institución. Así, a partir do substantivo "eucalipto" e mediante sufixación xorde "eucaliptizar", de modo que se pode formar "deseucaliptizar" e de aí "deseucaliptización". O termo está formado pola unión de dous elementos de orixe grega: "eu" significa "ben", mentres que "kaliptós" é "cuberto". O eucalipto correspóndese a un xénero de árbores orixinais maioritariamente de Australia que inclúe diversas especies. En Galicia, foi introducido da man do pai Rosendo Salvado, que se instalou en Nova Norcia (Australia) para evanxelizar esta terra.