Recibir un premio que leva o nome dunha persoa coa que se mantivo relación supón sempre unha emoción destacada para o galardoado. E así quixeron facelo saber onte Antía Cal e María Xosé Queizán cando na Biblioteca Provincial de A Coruña lles entregaron o Premio Otero Pedrayo deste ano, o primeiro que se concede a dúas mulleres dunha vez e o segundo que recae nunha personalidade feminina en corenta anos, xa que o de 2017 foi para Margarida Ledo.

O seu carácter de pioneiras nos seus respectivos campos de traballo -o ensino por unha banda e a literatura e o feminismo pola outra- foron os méritos aprezados polo xurado do Otero Pedrayo para que recibiran esta distinción, concedida polas catro deputacións galegas e a Xunta en colaboración coa Fundación Otero Pedrayo.

A mestra e pedagoga Antía Cal, quen dirixiu unha escola en Vigo na que se ensinaba en galego en pleno franquismo e que foi unha figura senlleira na renovación pedagóxica en Galicia, lembrou que Otero Pedrayo foi o seu "conselleiro" cando quixo escribir o seu primeiro libro para nenos, polo que se considerou "dalgún xeito alumna de don Ramón". "Non traballei para recibir un premio, para min o premio era poder traballar", proclamou a ensinante, quen aínda con forzas para asistir ao acto malia os seus 95 anos, dixo que o verdadeiro galardón para ela foi poder "formar persoas nunha das profesións máis importantes e emocionantes que se poda ter".

Tamén dixo estar orgullosa de "axudar a facer unha escola diferente", na que os nenos "puideran pensar por si mesmos e desenvolver todas as súas capacidades", polo que expresou o seu desexo de compartir o premio con todos os mestres "que traballan nas aulas pola formación e a felicidade dos nenos".

Referentes

Ser unha mestra renovadora e unha "referente da nova pedagoxía", ademais de creadora de materiais didácticos nos anos cincuenta foron foron algúns dos aspectos da carreira docente de Antía Cal que o xurado tivo en conta para premiala, como mencionou a profesora Carme Fernández Pérez-Sanxulián. A vicepresidenta da Deputación coruñesa, Goretti Sanmartín, salientou pola súa banda a relación desta ensinante co colectivo pedagóxico Rosa Sensat, cuxos métodos divulgou posteriormente en Galicia.

"Otero Pedrayo era un espectáculo en si mesmo", dixo a viguesa María Xosé Queizán do intelectual ao que se rende homenaxe con este premio e do que considera que os galegos de hoxe seguen "vendo Galiza cos seus ollos". Malia que os mozos que escoitaban as súas clases na Universidade de Santiago se tiñan por diferentes a el polo seu catolicismo e conservadurismo, Queizán expresou a súa admiración pola súa sabedoría sobre a xeografía e a cultura galegas. "A paisaxe era para el unha nova personaxe", explicou sobre a súa visión da terra, mentres que no terreo histórico mencionou a súa paixón polas figuras históricas do Mestre Mateo e o arcebispo Xelmírez.

Tamén tivo a escritora palabras de recordo para o marido de Antía Cal, o prestixioso doutor Antón Beiras, grazas a quen dixo terse feito galeguista. O xurado do premio considerouna como unha "grande autora da nosa literatura e do feminismo", ademais dunha "pioneira na teorización do movemento feminista", xa que a súa obra non só se desenvolve no terreo da ficción, senón tamén no do ensaio, ata o punto de que a súa traxectoria é calificada dunha "das máis interesantes da literatura galega contemporánea".

"Representan un compromiso coa nosa lingua, coa súa historia, coa defensa do seu patrimonio, onde a lingua ten un papel protagonista", manifestou sobre as premiadas o presidente da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso, para quen Cal e Queizán estiveron "entregadas á defensa da lingua e a cultura", polo que lles desexou "moitos anos máis" para continuar co seu labor.