Os corenta ilustradores máis salientables de banda deseñada deron cor e forma a outros tantos poemas da escritora Yolanda Castaño no primeiro libro de cómic poético publicado en Galicia. A escritora presentou onte "O puño e a letra" (Xerais) na libraría Banda Deseñada nun acto no que participaron o editor, os autores da portada e algúns dos debuxantes que "traduciron" os seus versos. Entre eles, Norberto Fernández, María Ferreiro, Miguel Porto, Fran Jaraba e Víctor Rivas, que coincidiron en resaltar que o "encargo" foi fascinante.

O libro é unha antoloxía dos case 25 anos de exitosa "andaina" literaria da poetisa e a elección de cuarenta versos e outros tantos debuxantes para darlles forma tampouco foi casual xa que fai referencia á idade que acadou o ano pasado. A editorial viguesa Xerais foi a editorial encargada de dar forma a un traballo inédito que abre o camiño en Galicia a un xénero internacional coñecido como Comic Poetry e do que a escritora soubo durante as súas viaxes a Italia ou Gales e coñecer ás autoras que se adentran nesta mestura da poesía e a banda deseñada, os dous xéneros que a xuizo da autora "lideran as vangardas artísticas galegas". "Fascinoume aquel xeito de trasladar os versos ao cómic", relatou Castaño, que confesou ser unha "tola das hibridacións".

Castaño relatou durante o acto as facilidades que atopou por parte da editorial e dos ilustradores para dar forma ao seu séptimo libro, que recolle unha escolma dos poemas publicados en seis libros dende os anos noventa. "Tratei que non fosen demasiado conceptuais pero había textos que me parecían moi significativos e tamén estaban os meus favoritos que non podían quedar fóra", confesou a escritora, que fuxe dun percorrido estritamente cronolóxico.

Axudada na elección dos artistas por Xulio Carballo Dopico, "o maior experto da historia da banda deseñada de Galicia", Yolanda Castaño admitiu sentirse "moi emocionada" polo resultado final. Un libro que, apuntaron, permitiría achegar aos estudantes de Secundaria á poesía "a través dun camiño tan amable como é o da banda deseñada". De feito, durante a presentación o responsable da libraría apuntou que foron varias as profesoras que mercaron o libro con esa intención e motivadas polo éxito de compañeiras.

Cada un dos artistas foi "absolutamente soberano na súa interpretación dos poemas", recalcou Castaño, que describiu o traballo como unha "tradución" do mesmo xeito que se fan vídeo poemas ou versos musicados. "Houbo de todo e respetamos calquera interpretación", confesou a poetisa, que celebrou que "os meus poemas non poderían estar máis agradecidos por acadar estas novas vidas".

Trala súa intervención e antes de asinar libros, Castaño falou con cinco dos autores das viñetas, que coincidiron en gabar as posibilidades expresivas que se deran con este novidoso proxecto. Así o sinalou Norberto Fernández, protagonista do primeiro debuxo do libro. "Foi un disfrute e para min foi unha liberación, foi unha páxina pero quixera que en vez de unha fosen dúas e mesmo 250", bromeou.

Do mesmo xeito, a ilustradora María Ferreiro confesouse "namorada de Yolanda e dun verso que atrapoume porque é moi íntimo, é o inferno e ao mesmo tempo o ceo, a morte e a resurrección". Tamén Víctor Rivas manifestou que para él "resultou sinxelo ilustrar un poema conceptual porque cada viñeta, cada ilustración parte dunha lectura moi concreta do texto, tamén moi conceptual". "Foi unha loucura absoluta e un disfrute saír dunha zona de confort para debuxar un verso que non contaba con que o resultado final fose un collage, a poesía ten tamén moito de collage", describiu Fran Jaraba.