O día en que a deseñadora galega María Moreira visitou as illas de Cabo Verde ficou namorada: das súas paisaxes, das súas xentes, da súa cultura e, sobre todo, do poder agochado que as mulleres africanas gardan no máis fondo de si. Dende entón, existe un fío invisible que a une a esas mulleres que tan só buscan unha vida mellor, máis xusta e na que elas mesmas sexan as súas donas. O famoso "empoderamento" feminino chegou ata elas da man da empresaria de Gondomar, que onte en Pontevedra participou na charla-coloquio "Rompendo moldes na moda", organizada polo Club FARO en colaboración coa Deputación provincial.

"Rendeiras Design Academy" é o nome do proxecto que comezou hai uns anos nas illas. Alí Moreira tomou contacto coas mulleres que vía na rúa, falando das súas cousas diarias, triviais, mentres facían un tipo de calceta cunha soa agulla. A súa mente incansable comezou a traballar e a dar forma a unha iniciativa que ben podería abrirlles unha porta á industria da moda.

Así formou un obradoiro en Mindelo, Praia, a capital de Cabo Verde. "Nunca viran os fíos como os que usamos aquí, pero pronto aprenderon a utilizalos", lembra.

Deste xeito, a artesanía das "rendeiras", como se coñece a este traballo, pasou a integrarse nas prendas de muller. María Moreira e as participantes nos cursos pronto fixeron un bo equipo. As mulleres agradeceron dende o inicio este apoio.

"Son moi agradecidas. É incrible, co pouco que teñen, porque só gañan uns 80 euros ao mes... gañaron o meu corazón pola ilusión que teñen con tan poucos medios", salienta a deseñadora.

"Aínda nos falta moito por axudar, por facer. Temos que facer un pouquiño más de esforzo", engade.

Moreira logrou levar ata a illa unha doazón de preto de 36.600 euros en material para poder levar a cabo o proxecto: máquinas de coser, botóns, cremalleiras...

Colaborou coa Asociación de Mulleres de Cabo Verde e tamén recibíu un donativo da deseñadora e empresaria galega Pili Carrera.

Sociedade machista

Moreira recoñece que a sociedade caboverdiana aínda adolece de moito machismo, polo que cuestións tan básicas como que as mulleres poidan ir libremente aos obradoiros que ela organiza poden complicarse nalgunhas ocasións. "O que queremos, precisamente, é iso: que as mulleres poidan tomar as súas decisións e que sexan independentes. Para elas todo isto xa ten un valor incrible", celebra.

Polo momento, xa hai dous grupos de mulleres que están a traballar pola súa conta despois de ter participado na iniciativa da deseñadora galega. "Xa están gañando os seus propios cartos. Eu quero loitar polo empoderamento das mulleres en Cabo Verde, darlles recursos, que se sintan realizadas", manifesta María Moreira.

Agora quere comezar unha nova etapa de tres meses de formación con outras 15 mulleres máis. "A formación é importante, porque así daslles recursos e con eles un traballo digno e o acceso ao mundo laboral", subliña.

Tras a súa intervención onte en Pontevedra, tivo lugar un animado coloquio entre a deseñadora e o público asistente a o acto, que se celebrou no Pazo das Mendoza.

A conclusión foi que todos os medios para formar á muller son poucos. "Temos que conseguir que as mulleres sexan cultas", apuntou unha asistente, apoiada por outra, que propuxo que "á xente hay que darlles canas para pescar, non peixe".

As coleccións que María Moreira e as mulleres dos seus obradoiros fixeron ata o momento xa se viron a través de desfiles organizados na propia universidade de Cabo Verde. Así mesmo, tamén crearon prendas de roupa infantil. Con este traballo se afianzou a relación entre a deseñadora e as africanas.

Os materiais empregados son, maioritariamente, de carácter natural, coma o algodón ou o liño. Sobre as prendas creadas con estes tecico se acoplan os adornos de diferentes formas e cores fabricados de xeito artesanal polas caboverdianas, obténdose como resultado prendas frescas e modernas.

Moreira lembra que os salarios en Cabo Verdes son moi baixos e que salvo da pesca, os habitantes das illas non teñen moitas oportunidades de saír adiante, de aí que a moda se perfile como un nicho de negocio. Quedaría pendente mellorar a cuestión das vendas a Europa.

"Mentras teña saúde, seguirei con isto", anuncia a creadora, que estes meses traballa na busca de apoio económico para este proxecto, tanto a nivel de administracións como de particulares.