Doce anos despois de publicar os "Aconteceres", Bieito Ledo amosa agora as súas "Cavilacións" (Ir Indo), un libro no que recolle lembrazas autobiográficas pero que non se limita a unhas memorias do autor senón ás memorias dun pobo, da súa aldea de Padroso polo miudo e do galego en xeral.

Na presentación da obra, onte nun ateigado Club FARO, o escritor e editor estivo acompañado por un bo número de amigos, a maioría sentados entre o público pero algúns xunto a el na mesa como o pintor Antón Pulido, autor do debuxo da portada; o escritor Manuel Bragado; o profesor Xesús Alonso Montero, que firma o prólogo; e o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Entre o público, entre outros moitos, o bispo Luis Quinteiro, o exalcalde Manoel Soto, o Valedor do Cidadán, Luis Espada, ou o concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez.

O relato dos catro poñentes permitiu compoñer a esencia de "Cavilacións", unha obra que quere rendir homenaxe á aldea natal de Bieito Ledo, Padroso, non só coa literatura senón tamén a través das súas vendas, coas que se prevé constituir a Fundación Padroso coa que revitalizar esta aldea ourensá, situada preto de Allariz. "Quero poñela a andar para revitalizar o camiño mozárabe que pasa por diante da miña casa, o turismo cultural e o rural que está totalmente abandonado", explicou Ledo nunha das súas intervencións.

Como editor, o autor tivo onte que "desdoblarse" e exercer ao mesmo tempo como presentador dos convidados e protagonista do acto. "É milagroso que unha cousa tan pequena como é un libro axúdanos a medrar por dentro. Imos devecendo por fóra pero medrando por dentro, aprendendo constantemente", celebrou para logo afirmar que "nunca teño estado tan ben acompañado".

O primeiro en tomar a palabra tras Ledo foi Antón Pulido, amigo, "irmao" e compañeiro de estudos xa que ambos compartiron pupitres no seminario. O artista describiu a escena que pintou para a portada, cos carballos que enmarcan o camiño de Santiago que pasa pola aldea de Padroso, entre dúas fontes. "Dalí xurdiron unha gran cantidade dos aconteceres, e tamén os feitos que lle pasaron a Bieito, que tamén son padeceres e saberes, dixo para acto seguido apuntar que para ler as "Cavilacións", "non hai que estar no camiño, senón sentarnos nun rincón e comezar a camiñar por el".

"O libro engaiola dende o primeiro acontecer, léese nunha tarde. É fácil e conciso pero non por iso deixa de ser unha grande literatura", apuntou Pulido, que desexou e pronosticou que haberá máis libros sobre os "aconteceres que están por vir".

Tamén amosou o seu fondo "afecto" e "admiración" por Ledo o escritor Manuel Bragado, quen lembrou que foi este quen publicou o seu primeiro libro, infantil, "Dona Carmen". Ademais de agradecer o seu apoio como editor, fixo fincapé no traballo de Ledo no "proxecto común que era a fantasía do libro galego". Recordou tamén a fonda relación de Ledo coa modernización das editoriais e o seu compromiso con "dúas obras monumentais" como a Biblioteca Básica da Cultura Galega e a Enciclopedia Galega Universal. "É unha das persoas que máis profesionalizaron a edición en Galicia pero nunca perdeu a súa condición de activista", gabou. "Admiro a Bieito polos valores que lle da a cultura dos afectos", destacou Bragado, quen sobre "Cavilacións" dixo que trátase dunha "obra memorialística escrita cos fíos da súa vida e da vida familiar". "Non é un tratado de filosofía nin un libro de anécdotas divertidas aínda que ten moito humor retranqueiro. É a metáfora da vida, dunha cultura de labranza que se foi perdendo e os grandes heroes deste libro, os dous grandes protagonistas, son Francisco Ledo e Secundina Cabido, os seus pais naquel Padroso da súa infancia", dixo Bragado que apuntou que a obra tamén fala dos viaxes de Ledo e moito de Vigo, cidade na que leva 43 anos."É unha maravilla ler o galego da Limia dun xeito tan fluido e cunha forma de prosa cunha clarísima intencionalidade de agradar ao lector, como bo editor", chufou.

"Falar do meu libro é moi difícil pero os poñentes coincidiron en que teño unha matria que foi a miña primeira universidade, Padroso, e unha segunda que foi o seminario onde pasei outros doce anos", explicou Ledo, quen lembrou as súas andainas xunto a Pulido, a persecución do galego que padeceron durante eses tempos e o gran número de compañeiros que compartiron andainas con ambos en Ourense, moitos dos cales se deron cita onte no Auditorio municipal do Areal.