O alcalde de Vigo, Abel Caballero, describiu a Ledo como un home "dunha presencia extraordinaria na cidade de Vigo, e na súa dinámica cultural e a de Galicia" e que proba diso estaba nos numerosos rostros coñecidos que acudiron onte ao acto para acompañar ao editor de Ir Indo na presentación do seu último traballo.

"A súa é unha forma distinta de escribir, mesmo na forma", gabou o rexidor vigués, quen leu unha pasaxe do libro como exemplo da súa análise, na que se describía unha escena costumbrista da súa infancia que podería ser a de calquera aldea galega. "Aproxímanos no seu relato das súas cavilacións a toda a filosofía dun pobo", apuntou Caballero, que finalizou indicando que " é un libro que paga a pena ter, ler e reflexionar porque é unha forma de entender un mecanismo de filosofía distinto, cunha forma da linguaxe completamente distinta, dun dos nosos escritores universais".