Na súa quenda de palabra, Xesús Alonso Montero explicou que aceptou prologar a obra "porque xa coñecía 'Aconteceres', a primeira obra, cría que estaría na mesma liña desta e non me trabuquei". Así, o profesor coincidiu con Bragado en calificar o libro como "de reflexións e memorialístico porque se contan aconteceres que suscitan cavilacións".

Recoñeceu Alonso Montero que as "Cavilacións" de Ledo tamén lle recordan a súa infancia na súa propia aldea e destacou que "non se trata dun libro patriótico, senón matriótico e hasta fratriótico", onde se mostran profundas relacións de amizade e de concordia dun "etnolingüista".

En referencia a esa vinculación coa súa lingua natal, Alonso Montero celebrou a recuperación de expresións como "vamos mollar a palabra", que dicía o pai de Ledo para referirse a ir a tomar uns viños. "No libro de Bieito que suscitou as miñas reflexións hai moita matria, hai moita fratria, hai moita etnolingüística e bastantes episodios importantes da súa biografía, que é unha das biografías para quen escriba con rigor algún día a historia da cultura galega. Para min, o deleite de ter lido algúns capítulos e páxinas con verdadeira emoción, non sei se matriótica ou fratriótica", manifestou.