A Galicia das Idades do Bronce e do Ferro non era unha rexión illada do resto do mundo, habitada por bárbaros atrasados culturalmente, e contraposta ao delicado e dinámico Mediterráneo. Moi ao contrario, era un importante nó de comunicacións entre o Sur de Europa e o Norte de África e as costas francesas e británicas, nunca época na que era máis doado e rápido viaxar por mar que por terra.

Esta é unha das principais teses que defenden o historiador Antoni Nicolau e o arqueólogo Rafael Rodríguez, comisarios de "Galaicos. Un pobo entre dous mundos", unha exposición da Deputación de Pontevedra que recolle os principais achádegos da arqueoloxía galega, e que se pode visitar ata febreiro no Museo Arqueolóxico de Madrid. Ambos os dous investigadores deron onte no Salón García, de Vilagarcía, unha conferencia organizada polo Club FARO e a Deputación de Pontevedra.

Antoni Nicolau plantexa que a historiografía e a arqueoloxía tradicionais sitúan o Noroeste da Península Ibérica como un lugar atrasado e ligado exclusivamente á cultura atlántica, que vivía de costas ao Mediterráneo, onde estaban asentadas as civilizacións máis prósperas da época. Unha idea, aseverou Nicolau, non só errada, senón tamén prexudicial.

"Empregouse a historia para estigmatizar a Galicia coa idea do famoso atraso, pero iso ten pouco que ver coa realidade", aseverou.

Rafael Rodríguez afondou nesa tese, facendo un exhaustivo inventario dos fitos da arqueoloxía galega moderna que amosan que a Galicia prehistórica tiña un comercio moi intenso con urbes como a antiga Cartago ou a actual Cádiz.

Foi o Padre Sarmiento quen primeiro albiscou esa relación, no século XVIII, tras afirmar que na Lanzada, entre Sanxenxo e O Grove, existira un faro fenicio. Sen embargo, os académicos galegos non aceptaron esa relación do Noroeste ibérico co Levante ata épocas recentes. "Ata 1991 ninguén se atreve a falar de materiales mediterráneos anteriores a Roma en Galicia", sinalou Rafael Rodríguez.

Hoxe, esa relación é incuestionable, pero aínda non debidamente coñecida. Esa é, precisamente, unha das finalidades da exposición "Galaicos": amosar que o Noroeste foi unha "rótula" que ligou as civilizacións mediterránea e atlántica, en expresión de Nicolau, e que en época romana non só foi un mero punto de paso, senón unha capital política e cultural. "Non eramos un finis terrae. A Gallaecia chegaba ata Segovia e Extremadura", remachou Rafael Rodríguez.

Reivindicar a riqueza

O acto abriuno o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, que afirmou que "non nos debemos cansar de reivindicar a nosa riqueza patrimonial, histórica e cultural".

Salientou tamén o traballo realizado dende 2015 no castro de Alobre, en Vilagarcía, "gracias ao empeño da Deputación e ao compromiso do goberno municipal".

Tras el, presentou a conferencia o deputado provincial Carlos López Font, que desculpou a ausencia da presidenta da Deputación, Carmela Silva, que acudiu aos actos do 40 aniversario de Prensa Ibérica, celebrados en Madrid. "Lamenta non estar aquí -expuxo- porque a exposición 'Galaicos' é un proxecto moi ambicioso da Deputación no que ela puxo moito interese".

Despois da proxección dun audiovisual sobre a mostra, que recalará en Valencia despois de pasar por Madrid e que chegará a Pontevedra entre finais de 2019 e principios de 2020, comezaron as disertacións de Nicolau e Rodríguez.

O historiador, museólogo e técnico de xestión catalán e, despois, o arqueólogo da Deputación, fixeron moito fincapé que a cultura galega nas idades do Bronce e do Ferro era unha fusión de dous mundos, na que se daban a man desde a práctica ritual de agochar metais nas ribeiras dos ríos ou en illotes, coñecida en Francia e o sur da actual Gran Bretaña, coas cerámicas aparecidas no interior de Ourense emparentadas coas achadas en Extremadura ou no Alentejo portugués. "Incluso as arquitecturas circulares (tan habituais nos castros galegos) están máis vinculadas ao mundo mediterráneo que ao Atlántico", engadiu Rodríguez.

65 pezas en 24 vitrinas

A exposición "Galaicos" reúne 65 obxectos distribuidos en 24 vitrinas. Entre os máis destacados figuran algúns saídos de escavacións do Salnés, como un caldeiro atopado no monte do Castro, en Ribadumia, un puñal da Lanzada ou un brazalete de Meis. A mostra complétase con paneis e proxeccións audiovisuais, que incorporan espectaculares panorámicas aéreas.

Na conferencia tivo tamén un protagonismo importante o castro de Alobre. Rodríguez dixo ao respecto que "debería ser unha obligación para todos os habitantes de Vilagarcía visitalo e adoralo, porque é excepcional". Nel, como non, apareceron ducias de materais fabricados no que hoxe son Cádiz e Ibiza.