O 'vello' profesor chegou ás noventa primaveras. Igual de novo que sempre. Coa sempiterna bufanda vermella. Porque Xesús Alonso Montero cumpre primaveras a pesar de ter nacido a finais de novembro. Os eidos da cultura, educación e política galega rendéronlle unha homenaxe ao catedrático, organizada pola Fundación Premios da Crítica onte en Vigo. Co abrazo morno das palabras e do agasallo -unha pintura co inconfundible selo de Antón Pulido-, o filólogo, mestre, polígrafo, galeguista e expresidente da RAG recoñeceuse "aflixido", máis que emocionado. E na súa novena década, Montero propúxose seguir aspirando a ser un "auténtico comunista".

A quen se homenaxea hoxe?, preguntouse o sociolingüista tras agradecer as¨inmerecidas" palabras de Víctor Freixanes. "É máis amigo de Platón que da verdade", bromeou Alonso Montero, que tamén agradeceu o acto aos editores Bieito Ledo, Manuel Bragado e ao artista Antón Pulido, tras recoller unha pintura de mans da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.

O presidente da RAG, Víctor Freixanes, tras lamentar a recente perda da esposa do homenaxeado, a profesora e investigadora viguesa Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, agradeceulle ao "vello profesor" que "abrise os ollos a catro xeracións". "Hai varios modos de ensinar: dando información ou dando exemplo; e cando ambos conflúen é magnífico", resumiu Freixanes. E o seu relato detívose nunha anécdota acontecida a principios dos anos 70. Uns mozos estudantes foron a Lugo nun Seat 600 para entrevistarse con Alonso Montero, que premiou o esforzo da viaxe con máis de catro horas de conversa. Ao remate, os alumnos entre os que estaba Freixanes comprobaron o infortunio: a gravadora non funcionara. "Deixara tan fonda pegada en nós, que puidemos reproducir o seu relato e argumentos, case con total fidelidade", indicou. Repetiu as palabras do académico Torres Queiruga, que se referiu a Montero como "un home puro", polos seus valores éticos e coherencia e agradeceulle o 'sacrificio' de ter asumido no seu día a presidencia da RAG.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero fixo un percorrido pola ideoloxía e fundamentos do homenaxeado, de quen destacou a coincidencia entre a súa filosofía e o xeito de entender a vida."Co seu pensamento foi pasando a axenda creativa de mulleres e homes deste país", asegurou Caballero, que tamén destacou que Alonso Montero "foi facendo nas rúas de Vigo a súa propia docencia".Para rematar, o rexedor adicou a Alonso uns versos de Nelson Mandela: "Son o amo do meu destino; son o capitán da miña alma".

No acto proxectouse a película da súa vida: "Cidadán Alonso Montero", do realizador Xan Leira, que reconstrúe a biografía do docente a través dos testemuños de exalumnos seus. Pero antes, o propio Alonso Montero reparou en pequenos pero importantes, detalles biográficos.

Naceu nunha casa da viguesa rúa de Urzáiz onde a familia tiña unha taberna que a comezos do século XX atendía a ferroviarios e maleteiros, un oficio xa extinto. Veu ao mundo vinte días despois que Neira Vilas e con sete anos presenciou desde esa rúa o desfile central para toda Galicia do Primeiro de Maio de 1936 no que marchaba un mozo Isaac Díaz Pardo.

Os seus pais, galegofalantes, educárono en castelán, porque ía para 'señorito'. "Eu non era alleo ao galego, pero os meus pais, que bailaron, falaron e se namoraron en galego, falaban aos seus fillos en castelán", lamentou o mestre, que faría unha auténtica inmersión lingüística co regreso familiar a Ventosela, Ribadavia. Alí lembra ter lido o "Quixote" á luz do candil.

Entendeu mellor a súa vocación un canteiro de Ventosela, Antonio 'o Petouto', que os seus profesores de ensino medio. "Suso, veño notando que che gustan moito as palabras; tes que usalas para predicar", recomendoulle. Aquel labrador da pedra deu a 'Suso' -o hipocorístico co que coñecían ao profesor na súa casa do Ribeiro- unha lección maxistral de comunismo. Unha das primeiras. "O día de mañá terá que haber unha sociedade na que non haxa pobres".

Despois de facer un periplo dialéctico pola súa formación que rematou en Cátedra, lembrouse de figuras galegas que traballaron a prol do pensamento e na loita da República, ou coa resistencia francesa, como Mercedes Núñez Targa, sen acadar o recoñecemento da Medalla Castelao. "Eu creo que nacín recitando a Machado", confesaría tambén o Alonso Montero poeta.

No peche do acto, o filme de Xan Leira detívose na pegada que deixou en exalumnos e exalumnas o pedagogo comprometido dentro e fóra da aula. A "dramaturxia pedagóxica de Alonso Montero", en palabras do realizador. Porque o homenaxeado cre, como Rilke ou Celso Emilio Ferreiro, que a "auténtica patria está na infancia". E tamén defende que "todas as persoas teñen o mesmo dereito ao teito, ao ocio, ao traballo...". Unha, quizais, das últimas leccións do mestre.