A serie documental da TVG "Pescadores de historias", dirixida e presentada por X. H. Rivadulla Corcón, presenta hoxe (15.30) "O Muro, símbolo da Coruña mariñeira". O Muro é como se denomina, na cidade herculina, a lonxa, xa dende tempos moi antigos, cando nin sequera había lonxa, só un espazo aberto onde vender o peixe, e ao lado dun muro, o que fixo que este nome quedara como denominación popular da lonxa.

A actual lonxa da Coruña é unha nova edificación que comezou a operar no 2004, nela traballan diariamente máis de tres mil persoas, venden aquí o seu peixe cento setenta barcos de altura e baixura, con movemento anual de corenta mil toneladas de peixe e marisco fresco. Pero sobre todo o Muro da Coruña é o espazo central da historia pesqueira desta cidade. "Dicir o Muro na Coruña é espertar todos os sentimentos favorábeis do que significa a Coruña mariñeira", sinala X. H. Rivadulla Corcón.