A cuadraséximo primeira edición dos Premios da Crítica de Galicia congregou onte no Pazo-Hotel Os Escudos a trescentas corenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural. Entre eles, a maioría dos premiados deste ano xa que un dos galardóns, o de Creación Literaria, foi para o recentemente falecido Xabier P. Docampo e o de Cine e Artes Audiovisuais recaeu no director de "Matria", Álvaro Gago, que non puido asistir por atoparse en Londres.

Os demáis galardóns foron para José Luis Mascareñas (Investigación), Ana Romaní (Iniciativas Culturais e Científicas), Mercedes Peón (Música), Javier Alonso de la Peña (Artes Plásticas), a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (Artes Escénicas) e a Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Cultura Gastronómica).

As distincións déronse a coñecer no decurso dun xantar conducido por Afonso Vázquez Monxardín e que foi inaugurado por Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios Amigos da Crítica Galicia. Durante a súa intervención, lembrou a traxectoria dos premios e defendeu a pervivencia da lingua galega como o seu celme.

Entre os presentes, ademais dos premiados e dos máis de medio cento de integrantes dos diferentes xurados, atopábanse tamén o alcalde de Vigo, Abel Caballero; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Anxo Lorenzo Suárez, director xeral de políticas culturais; e Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, entre outros.

A lema elixido para o evento, "Espigar", fixeron referencia tamén os demáis intervintes, entre eles Abel Caballero, quen loubou o compromiso pola cultura da Fundación "dende aqueles tempos donde lanzar esta idea tiña o risco da sanción e a carcere, porque era una aventura perigosa falar de cultura fai 40 anos".

Amenizado pola música do cuarteto Caramuxo, o acto comezou otorgando o premio de Creación Literaria a Xabier P. Docampo, falecido o pasado xuño, que recolleu no seu nome o seu fillo, Daniel Bello. A distinción otorgouse por "A nena do abrigo de astracán", unha obra que "culmina unha traxectoria creativa", salientou o xurado.

A exitosa carreira investigadora no ámbito da Química biolóxica do director do Cicus ,José Luis Mascareñas, foi motivo do premio de Investigación. "É o único investigador en Galicia que, traballando dende o país, conseguiu un Advance Grant do ERC, o que supón a atracción de fondos europeos para fomentar a investigación en Galicia", apuntouse onte.

"O labor a prol da visibilidade, promoción e difusión da nosa cultura" foi un dos motivos para conceder o Premio de Iniciativas Culturais e Científicas a Ana Romaní, exdirectora do programa Diario Cultural da Radio Galega.

Mercedes Peón, recibiu o premio de Música polo seu "compromiso coa investigación e documentación do patrimonio musical de tradición oral, un aspecto no que un claro referente".

A intervención de Javier Alonso de la Peña na Catedral de Santiago e a súa implicación durante máis dunha década motivou o premio de Artes Plásticas.

Pola súa banda, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) acadou o premio de Artes Escénicas por ser un "espazo de encontro desde o tan necesario humor, baseado nunha programación de calidade na procura de novos públicos e espazos".

Álvaro Gago acadou o premio de Cine e Artes Audiovisuais por por "Matria", "que representa o mellor do noso cinema: o risco narrativo ao fusionar a ficción e recursos documentais".

Por último, o premio de Cultura Gastronómica foi para a Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) polo seu "impacto en todo o territorio, asenta poboacións en contornas rurais, incorporar xente nova e coidar colateralmente o medio ambiente".