A escultora Soledad Penalta Lorenzo (Noia, 1943) pronunciou onte o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) como académica numeraria da Sección de Escultura. Nel relatou a súa viaxe evolutiva pola cerámica, pedra, bronce, ferro e aceiro manuscrito. O acto, que se celebrou no Teatro Coliseo Noela de Noia, estivo presidido polo titular da RAGBA, Manuel Quintana Martelo.

Honrada pola elección da RAGBA e aceptando a responsabilidade de defender as artes galegas, Soledad Penalta comezou a ler o seu discurso solemne, titulado "Cal é a carga precisa da pregunta?". Penalta fixo mención ao patrimonio artístico escultórico da súa vila natal, que sempre destacou por ser berce de grandes personaxes da plástica, literatura, música e outras vertentes artísticas e que este ano celebra o 850 aniversario da concesión da Carta Pobra polo rei Fernando II de León.

O presidente da RAGBA sinalou que Soledad Penalta ingresa polos seus méritos e a súa excelencia, axudando así a achegarse a un "equilibrio de igualdade" na institución. "Soledad Penalta é unha muller de firmes conviccións que se reflicten na súa obra, sensible e preocupada por atopar sempre ese diálogo entre o seu traballo e o espectador", destacou Manuel Quintana.