Afonso Vázquez-Monxardín (Ourense, 1960) ven de ser nomeado académico correspondente da Real Academia Galega, informou a RAG nun comunicado. O pleno da institución, na sesión celebrada onte pola tarde, votou favorablemente a proposta de incorporación do catedrático de Lingua e literatura galegas, autor de destacadas investigacións de fondos documentais relacionados con persoeiros da cultura galega -nomeadamente das gravacións de intelectuais como Otero Pedrayo- e activista cultural de referencia na súa cidade natal.

O novo académico correspondente é licenciado en Xeografía e Historia e desde 1983 é docente de Lingua e literatura galegas, profesión que exerce como catedrático no IES As Lagoas de Ourense. Os seus primeiros traballos están moi relacionados coa carreira que estudou, na que se especializou en Prehistoria e Arqueoloxía. Colaborou co Museo Arqueolóxico de Ourense, nos xacementos de Castromao, San Cibrao de Las ou A Lanzada, e tamén noutros en territorio portugués ou italiano.