A mesa centrada no compromiso político de Xosé Luís Méndez Ferrín pechou onte o ciclo de homenaxes "Os mundos de Ferrín" organizado polo Ateneo Atlántico e que durante catro xornadas degranou as facetas xornalística, poética, narrativa e política do escritor, que o pasado abril cumpriu 80 anos.

Tralo éxito das tres primeiras citas na Casa Galega da Cultura onte o debate trasladouse ao Auditorio do Areal, ao que tamén acudiu o homenaxeado, que interviu para agradecer o xesto do Ateneo Atlántico. Xa o fixera no primeiro dos tributos, o centrado na súa traxectoria periodística, ainda que a través dunha carta. Onte o escritor quixo estar presente nun acto con relatores cos que compartiu parte das súas andainas políticas: Xosé Manuel Beiras, Xavier Vence, Manuel San Severiano Caxide e Antón Dobao.

Durante o acto, a moderadora Ánxeles Cuña fixo fincapé na súa "figura poliédrica" e a imposibilidade de disociar as súas diferentes facetas como escritor, poeta, xornalista e político. "Neste momento precisamos voces e vontade que iluminen os camiños de liberdade e de xustiza coa fortaleza que se necesita para enfrontarse aos desafios con intelixencia e coraxe", apuntou Cuña.

San Severiano lembrou "a súa militancia entendida sempre como referente para os demais compañeiros" e tamén o seu compromiso vital -entendido en todo o conxunto da súa obra- coa nación galega e a ideoloxía de esquerdas. "Xa case como adolescente adoptou un compromiso ideolóxico e político e non so co pobo galego como nación senón tamén co enclave de esquerdas", apuntou Beiras.

A homenaxe non se limitou a súa traxectoria pasada senón tamén ao momento actual no que érguese en "animador do debate de ideas e do debate politico, contribuindo ao enriquecimiento da cultura política da esquerda e da cultura política do independentismo", subliñou Vence.

"Ferrín se entende como ruptura constante e unidade ao mesmo tempo, para min son as súas referencias principais", dixo Dobao.