O programa "Pescadores de Historias" da Televisión de Galicia (TVG) visitará hoxe a vila mariñeira de Laxe, unha costa moi golpeada polas traxedias dos naufraxios, polo que as súas xentes fan cada ano a súa ofrenda á Virxe do Carme e ao mar para pedir a súa protección coa Festa do Naufraxio, que comezou a celebrarse en 1962 a partir dunha idea do mariñeiro Avelino Lema, que sobreviviu a tres naufraxios.

Da organización da festa encárgase Raúl Villar, que tomou a remuda de Lema e explicará os cambios que introduciu no festexo. Pero quen garda na memoria a primeira festa que se celebrou en 1961 é o mariñeiro Fernando Busto, pertencente ao grupo que puxo en pé un evento que tivo moi boa acollida xa desde o primeiro ano e axiña se consolidou como unha importante atracción turística para a vila de Laxe.

Simulacro

Roque Mira foi o último mariñeiro que fixo de morto no simulacro do naufraxio e contará a enorme emoción que supuxo para el desempeñar este papel. O conductor do espazo, X.H. Rivadulla Corcón, tamén falará co patrón maior da Confraría de Laxe, Manolo Villar, que se encarga da procesión marítima do Carme, elemento central da festa mariñeira máis sentida polas xentes do mar de Laxe.

O lugar de celebración cos convidados do programa será o restaurante Zurich, onde Ana Pose preparará un bo arroz con lumbrigante.

Como fin de festa, o grupo de música O Tren da Unha cantará varias cancións.